Joaquín José Santiago Barreiro Varela

Joaquín José Santiago Barreiro Varela, naceu o 25 de xullo de 1937 en Chamosa, Forcarei. Dende temprana idade sentiuse atraído polas rúas da súa comunidade. Solía unirse a elas e estaba acompañado sempre por rapaces maiores. A súa precoz madurez facíao sentirse a gusto neste ambiente e rápidamente converteuse nun participante activo. Unha das experiencias que atesoura é a súa visita á rúa en Covas, na casa de Revoltón. Alí, a música enche o aire mentres se tocaban instrumentos como pandeiretas, latas de pementón ou mesmo sachos. Joaquín lembra vívidamente como utilizaban os sachos, meténdoos debaixo dos seus brazos para tocalos, ou mesmo como agarraban a parte de ferro e a tocaban, inserindo o dedo polgar no burato do pau. Recorda algunha copla coma a seguinte:

Baila Manueliño
Manuel baila,
baila Manueliño
con Adelaida.
Con Adelaida nena
e con Dolores,
baila Manueliño
ramo de flores.

Tanto homes como mulleres participaban activamente nas rúas. El, xunto con outras veciñas e veciños, tocaba a pandeireta nestas reunións, contribuíndo á tradición musical da comunidade. Algúns dos nomes que Joaquín lembra con agarimo son a señora Rosina, Carmen de Juanito, Pura, Obdulia, Silvina (a súa irmá), Laura, Flora de Carballeda, Ibérico, Manuel de Petra, Manuel de Rogelio, José, Porfirio, Eladio, Manuel do Coto, Manuel de Serafina e Balbino. 

A vida levouno a explorar outras rexións. Aos 14 anos trasladouse á Fonsagrada para traballar como canteiro. Levouno un home de Dúas Igrexas que era contratista. Despois, pasou unha década en Bilbao e viviu en diversos lugares, incluíndo Andorra, Francia, Suíza e Asturias. Durante esta época, traballou na construción, desempeñando labores de cantería e albañilería. A emigración tamén o levou a compartir o seu amor pola música. Joaquín e os seus compañeiros solían reunirse en bares para cantar case a diario, lembra con agarimo esos momentos. 

Ao volver a Chamosa, Joaquín dirixiu unha granxa de porcos durante 9 meses, onde chegou a criar preto de 700 porcos. Posteriormente, únese ao equipo do Concello de Forcarei. 

Un aspecto único da vida de Joaquín é o seu coñecemento da antiga fala dos canteiros. A súa comprensión do verbo dos arghinas, xiria ou latín dos canteiros é unha ventá á historia e á cultura do seu oficio. 

Durante o seu servizo militar en Coruña, en Artillería, tocaba a harmónica, e a súa destreza musical permitiulle participar nun concurso, onde se destacou e quedou en segundo lugar. Un dos momentos máis entrañables desta época foi a súa interpretación do pasodobre En er mundo coa súa harmónica. 

Nos seus anos posteriores continuou a súa contribución á música como membro dos Diplomáticos do Acordeón, un grupo de músicos locais, xunto a compañeiros músicos da zona, como Avelino Alberte Fírvida, Gumersindo Ramon Pichel Barreiro (Moncho), Jesús Campos Fernández, Francisco Alberte Fírvida (Paquiño), Juan Bautista Alberte Fírvida (Tista), José Fírvida Cachafeiro (Maduro), Jaime Salvador Barreiro Ouro ou Antonio o xastre entre outros. 

Comparte un vínculo especial con Anselmo Antonio Varela, Peretes, o cego tocador de zanfona do lugar de Chamosa de finais do século XIX, xa que a nai de Joaquín, María Rosa Varela Mariño, era a bisobriña de Anselmo. Segundo os relatos proporcionados, Anselmo tivo a oportunidade de tocar xunto ao gaiteiro Adelino Pichel Espiña e, segundo comenta Joaquín, incluso cos gaiteiros de Soutelo de Montes. Unha das anécdotas máis conmovedoras compartidas por Joaquín sobre a relación entre Adelino e Anselmo reflicte a profundidade das súas emocións. Cando Adelino tocou por primeira vez con Anselmo, Adelino non puido evitar que as bágoas caeran dos seus ollos debido á emoción de tocar con un home cego. Non obstante, a orixe da zanfona en Chamosa é un misterio sen resolver. Non se sabe como chegou este instrumento musical á localidade, e lamentablemente, non se conserva o instrumento en si. 

Outra anécdota que compartiu lévanos ao traballo das veciñas da zona, que se reunían para facer as espadelas. Para evitar o aburrimento, unha das mulleres cantaba para manter ás demáis despertas, xa que este traballo podía resultar monótono. Unha das coplas que aínda a día de hoxe recorda é a seguinte: 

Esta noite hai unha fía
e mañán unha espadela,
bótame o caldo mi madre
que eu tamén quero ir a ela.

De esquerda a dereita: Gumersindo Ramón Pichel (Moncho), Joaquín Barreiro e Jesús Campos.

De esquerda a dereita: Joaquín Barreiro, Gumersindo Ramón Pichel (Moncho) e Jesús Campos.

Paco do Cachafeiro ao acordeón, Joaquín cantando e súa muller Donas Felices.

De esquerda a dereita: Francisco Félix Cachafeiro Fernández (Paco do Cachafeiro), Gumersindo Ramón Pichel Barreiro (Moncho), Avelino Alberte Fírvida, José Fírvida Cachafeiro (Maduro), Juan Bautista Alberte Fírvida (Tista), Concepción Pérez Ruiz e Joaquin Jose Santiago Barreiro Varela.

Recoñecemento

Asociación de Amigos da Terra de Montes 

O 5 de agosto de 2023 entregáronse en Forcarei as insignias de ouro a tres figuras importantes para a Terra de Montes: Joaquín Barreiro Varela, á Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo e ao Clube de Fútbol de Beariz.

A continuación compartimos as notas de prensa:

Amigos de Terra de Montes honra a Joaquín Barreiro, Os Abrentes y el Beariz de fútbol

Joaquín Barreiro, Os Abrentes y el club de fútbol sala Beariz, profetas en su tierra

Amigos da Terra de Montes refuerza su unión

O vocalista dos Diplomáticos do Acordeón, Joaquín Barreiro, Os Abrentes e o Beariz Fútbol Sala, homenaxeados 2023 pola Asociación de Amigos Terra de Montes

Amigos da Terra de Montes rinde hoy tributo a Joaquín Barreiro y Os Abrentes

JOAQUÍN BARREIRO VARELA | HOMENAXEADO POLA ASOCIAICÓN AMIGOS DA TERRA DE MONTES

“Estou contento e agradecido coa xente que me quere e sabe do meu amor por Forcarei”

“Por necesidade ou pracer andiven moito polo mundo adiante, pero sempre levei esta terra no peito. Para iso di o dito que ‘o home é de onde nace, e o boi de onde pace’”

A Asociación de Amigos da Terra de Montes homenaxea este sábado, xunto á Os Abrentes de Cerdedo e ao Clube de Fútbol de Beariz, a Joaquín José Santiago Barreiro Varela (86), pola súa labor como difusor da cultura e música popular da zona como vocalista dos Diplomáticos do Acordeón, así como os seus anos ao servizo dos veciños e veciñas dende o funcionariado do Concello de Forcarei. O premiado comparte con FARO a súa reación a este recoñecemento.

–Agardaba recibir este recoñecemento?

–Abofé que non. Foi toda unha sorpresa. De feito, estiven de aniversario o 25 de xullo e este é o agasallo perfecto.

–Como se sinte ao ser un dos homenaxeados este sábado?

–Estou moi contento e moi agradecido. Sei que hai xente que me quere ben e que recoñece o meu amor por esta terra, que sempre levei e levarei no peito. Por iso vou, se non non iría (risas).

–Cónteme, cando comezou a cantar?

–Gustoume e fíxeno toda a vida, xa cando ía aos bailes coa que agora é a miña muller e nai dos meus catro fillos. Mais non comecei a facelo profesionalmente, por dicilo dalgún xeito, ata que formamos Os Diplomáticos. Algo que lle debo agradecer a Mercedes Peón, quen nos descubríu e veu potencial en nós. Foi ela quen nos levou ao Luar e nos deu ese empurrón que precisabamos arrancar.

–Ademais de cantar, toca algún instrumento?

–Toco a pandeireta e a filarmónica. De feito, una dato curioso é que cando fixen a mili no parque de artillería de A Coruña quedei segundo nun certame de filarmónica que se celebrara alí.

–Cambiaron moito as romarías dende que vostede era novo a agora?

–Dende logo, e se se me permite diría que antes o pasabamos moito mellor (risas). Non tiñamos tanta cousa como agora, non había orquestas nin espectáculos. Daquela eran as pandeiretas, os acordeóns e arrancarse a bailar e cantar.

–Ten algunha canción preferida?

–Cantaba moito Antonio Molina, Juan Pardo, Juanito Valderrama... pero sobre todo os cantos de antes, os que aprendín dos meus avós e bisavós. Eses eran os que tiña na boca a todas horas, na casa, no traballo ou cos amigos.

–Eses cantos populares foron a inspiración de moitas letras dos Diplomáticos. Como as escribían?

–Pois collíamos as cancións de antes, e engadíamoslle partes nosas. Algunhas delas teñen moita picaresca. Era algo do que desfrutabamos moito especialmente Avelino (Fírvida) e máis eu.

–Vostede tamén foi o precursor da Festa do Porquiño. Que nos conta sobre iso?

–Pois mira, comezou sendo un saldo de contas. Un amigo dérame unha neveira e a cambio eu dinlle dous leitóns. Ao final, cada ano xuntabamonos os últimos xoves de agosto para comelo e cousa colleu sona ata chegar a 80 ou 90 persoas chegadas de todas partes.

–Para rematar, que significa a Terra de Montes para vostede?

–É a miña casa. Por necesidade ou por pracer andiven moito polo mundo adiante, mais sempre levei isto no peito. Di o dito “o home é de onde nace e o boi de onde pace”.

Os diplomáticos do acordeón no programa Alalá (TVG)

Programa Alalá, da Televisión de Galicia, adicado ao grupo Os diplomáticos do acordeón.
Data de emisión: 4 de abril de 2006 na Televisión de Galicia

Hoxe estamos co grupo Os diplomáticos do acordeón, unha desas agrupacións marabillosas ás que paga a pena coñecer. Formado por oito homes, oito veteranos para os que a música, mais ca un entretemento, é case un xeito de entender a vida.

Todos pertencen á Terra de Montes, desde Soutelo ata Forcarei pasando por Cachafeiro, unha comarca famosa a principios do século vinte polos gradísimos gaiteiros que lle deron fama. Pero houbo outra época, a partir dos corenta, na que as gaitas deron paso ós acordeóns, anos nos que os salóns de baile se fixeron moi populares e nos que xa se bailan outros ritmos.

Neses salóns de baile “criáronse” varios membros dos Diplomáticos que, desde moi pequeniños, tiveron a obriga de aprender a tocar un instrumento para axudar na economía familiar. Entre eles os irmáns Alberte Fírvida, bisobriños do popular Avelino Cachafeiro, que chegaron a formar un orquestra completa que tocaba no salón de baile da familia, o “Changüí”.

Tamén Moncho aprendeu a tocar o acordeón porque seu pai era o dono do “Paraíso”, un salón de Forcarei que agora lle pertence a el. Un caso semellante é o de Paco Cachafeiro, tamén ligado ó mundo do acordeón e dos salóns de baile.

No Alalá desta semana coñecéremolos a eles e ó resto dos Diplomáticos: a Jesús, un reloxeiro xubilado que, ademais de dar clase, colecciona acordeóns, de feito, xa ten mais de 130 instrumentos; a Toño, un amante da música dos sesenta que desfruta tanto da guitarra eléctrica como do acordeón; e a Joaquín, o vocalista, que canta coa mesma paixón un bolero ca unha muiñeira.

Vídeos

Os diplomáticos do acordeón
Foliada de Cachafeiro (programa Luar da Televisión de Galicia)

Os diplomáticos do acordeón

Popurrí Galego (programa Luar da Televisión de Galicia)

Os diplomáticos do acordeón

Fun ó viño a Ribadavia (programa Luar da Televisión de Galicia)

Os diplomáticos do acordeón

Pezas galegas (programa Luar da Televisión de Galicia)

La década prodigiosa e os diplomáticos do acordeón
(programa Luar da Televisión de Galicia)

Discografía

Os diplomáticos do acordeón

Cara A

1) Cambeses

2) Jota de Moncho

3) Muiñeira de Ourense

4) Foliada de Cachafeiro

5) Esta noite e mais a outra

6) A ría de Vigo

Cara B

1) Muiñeira de Forcarei

2) Pra onde vas María

3) O viño Alvariño

4) Fandango de Pontevedra

5) Fun o viño a Ribadavia

6) Perfumes de España

Información da gravación:

Artigos relacionados