Jaime Salvador Barreiro Ouro
Toda a información aquí mostrada foi facilitada pola súa filla Rita Barreiro no mes de febreiro de 2023:
Jaime Salvador Barreiro Ouro, fillo de Enrique Barreiro e de Estrella Ouro, naceu o 6 de agosto de 1927 en Forcarei, concello no que viviu durante toda a súa vida, de solteiro na casa natal de Sorribas e, xa casado, en varias vivendas de alugueiro ata trasladarse definitivamente á casa de seu. Tivo nove irmáns: Manuel, David, María Teresa, Amador, Elvira, Carmen, Élida, Julita e Isabel.
Por herdanza de seu pai, Jaime foi sacristán da parroquia de Forcarei durante máis de 50, cargo que logo el transmitiría aos seus fillos varóns. Traballou como empregado de banca e como oficial de albanel na construcción do colexio “Nosa Señora das Dores” (Forcarei). Durante unha época foi oficial de Entrecanales, unha subcontrata de Ensidesa, en Avilés (Asturias).
A pesares de ter diversos oficios, Jaime viviu principalmente da música. Impartía clases de gaita e acordeón aos mozos dos arredores na súa casa. Músico autididacta, de partitura, tocaba o armonio, o órgano, a gaita, o tamboril, o baixo, a trompeta e o acordeón, instrumento que aprendeu na academia de Poceiro, en Pontevedra. Quen o coñeceu, di que nunca fallaba, que “non se saía nin un milímetro do ritmo nin do tempo” e que ensaiaba durante horas cando a familia ía durmir, ata altas horas da mañanciña. Ademais de ter unha gran musicalidade, posuía coñecementos de harmonía que lle permitían tocar con desenvoltura en diferentes tons. Na súa mocidade, amenizou moitos bailes na sala Paraíso (Forcarei), na sala Changüí (Soutelo de Montes), na Taberna de Alvarito (San Bertolameu) e na Taberna do señor Ramiro (Aciveiro). Tamén chegou a tocar o acordeón en Vilatuxe, Zobra e Laro.
Jaime tivo relación con Adelino Pichel Espiña (o gaiteiro de Sorribas), Avelino Cachafeiro Bugallo (o gaiteiro de Soutelo) e máis os seus sobriños… pero especialmente con Jesús Campos Fernández, con quen formou o dúo de gaitas “J E S J A I”. Máis adiante tocou o baixo en varios grupos, principalmente con Los Soniks, entre as décadas dos 70 e dos 80 e, finalmente, formou parte dos Diplomáticos do Acordeón.
Foi o organista oficial da parroquia de Forcarei, aínda que o chamaban de moitas outras, dentro e fóra do Concello de Forcarei, para vodas ou enterros, e sempre acompañado do seu amigo e vocalista Celso Mariño.
A súa filla Rita cóntanos que, unha noite pechada de verán dos anos 50, Jaime, volvendo de tocar da festa de Tomonde co acordeón ao lombo, atopouse de bruces con catro lobos coas linguas pendurando e os cairos á vista á altura de Castrelo. O medo paralizouno de súpeto, pero pasados uns segundos, tivo o sangue frío de desenfundar o acordeón e “aporrear nel abrindo e pechando o fol do instrumento, á vez que pisaba coa palma da man dereita e desordeadamente as tegras, de arriba a abaixo e viceversa...”, e funciounou. Os lobos escaparon e desapareceron cruzando a carballeira.
Casou con Carmen Ferreira o 24 de novembro de 1951, con quen tivo sete fillos: Estrella, María Teresa, Manuel, Cecilia, Isabel, Rita e David. A súa primoxénita, Estrella, herdou o acordeón de Jaime. A súa familia conta que Estrella acompañaba a seu pai cando ía tocar a Aciveiro, e logo de tocar quedaban alí a durmir.
Jaime transmitiu o o xen da música aos seus sete fillos, que herdaron un excelente oído. Ademais, no domicilio do músico, os rapaces “tropezaban” a diario cun tamboril, cunha gaita, cun acordeón… o que facía máis que probable que herdasen a súa paixón.
Manuel é músico con formación e fundador do grupo de folk “Xolda”, no País Vasco. Toca a guitarra, a bandurria, o tamboril e o órgano. Na actualidade estuda piano.
Aos 6 anos de idade, a súa filla Rita aprendeu a tocar de oído a melódica e interpretou unha peza na clausura do final do curso escolar en 1972, acompaña á guitarra polo seu irmán Manuel e Pablo Canabal. En 1974, volveu subirse ao esceario, esta vez en solitario.
O seu neto David, herdou a paixón musical do seu avó. Estudou durante catro anos a especialidade de piano no conservatorio de Santiago de Compostela, pero centrouse definitivamente na percusión. Aos 12 anos, ingresou na Banda Cultural da Estrada, “e foi quen de interpretar, coa caixa, catro pezas que levaban anos no caixón pola súa dificultade técnica”. Durante sete anos foi membro da tuna da facultade de Dereito de Santiago de Compostela, onde tocou o contrabaixo, a guitarra e a pandeireta. Foi tamén membro do grupo folk “Liridade Noctámbula” e doutros grupos locais de Santiago. No ano 2012 foi un dos vinte finalistas, entre más de 400 participanetes, no concurso “Barcelona DJ Contest”, celebrado no Hotel W Barcelona, na Praia da Barceloneta. Foi batería no extinguido grupo de rock “Icewind” e actualmente, tamén como batería, forma parte do grupo “Tálesien”.
Jaime fixo unha carreira musical durante 50 anos, agás o breve tempo que pasou en Asturias, sendo un dos referentes musicais da Terra de Montes. En palabras da súa filla: “mágoa que a súa timidez fose a causa de que a súa arte non se espallara mais lonxe, pois tiña nivel suficiente para tocar en calqueira orquestra de renome”. Faleceu o 27 de maio de 1996, aos 68 anos de idade.
Na actualidade, consérvanse a súa gaita, acordeón, baixo, trompeta, melódica e órgano.
Instrumentos
Fotografías
Cristina da Murada, Jaime Barreiro, Avelino Alberte e M. Barreiro, o pé da torre de alarma Barciela, Sta.María de Castrelo, en Forcarei
Jaime Barreiro - Xigantes nas Dores - Anos 40
Jaime ao acordeón e José Gulías Picón (Caladiño) á batería rodeados de mozas e mozos.
De esquerda a dereita: José Fírvida (Maduro), Gumersindo Ramón Pichel (Moncho), Jaime e Jesús Campos.
Los Soniks.
Los Soniks.
Los Soniks.
Sobremesa de domingo nas festas das Dores en Forcarei, Jaime e a súa familia.
Fotografías
Neste vídeo podemolo ver xunto ao resto dos compoñentes dos "Diplomáticos do acordeón".