Changüí
Soutelo de Montes

A música sempre tivo un papel fundamental na vida social da Terra de Montes. En case todas as aldeas da contorna de Soutelo de Montes organizábanse bailes de pandeireta coñecidos como ruadas, onde a xente se reunía para cantar e bailar. Co paso do tempo, estas reunións deron paso ás salas de baile, onde o acordeón colleu protagonismo, converténdose en centros de festa e encontro social.

O Changüí foi un dos negocios máis emblemáticos de Soutelo de Montes e unha das iniciativas empresariais de Avelino Cachafeiro, o afamado gaiteiro da zona. Máis ca un simple bar, cumpría unha importante función social e cultural como sala de festas, espazo para vodas e ata sala de cinema. Durante décadas, foi o epicentro do lecer e da vida comunitaria, un lugar onde tradición e modernidade se fusionaban ao son da música. 

Nos días de feira, o Changüí enchíase de xente que bailaba xotas, muiñeiras, tangos, pasodobres ou chachachás. O local era tan popular que apenas se vían máis que cabezas movéndose ao ritmo da música. 

Na actualidade, leva moitos anos pechado e atópase moi deteriorado, especialmente o seu gran salón. A súa historia segue viva grazas ás testemuñas fotográficas, aos documentos conservados e ao labor de divulgación sobre a figura de Avelino Cachafeiro e o seu impacto na comunidade.

O bar

O Changüí, ademais de contar cun amplo salón e un cine, tiña unha zona dedicada ao bar, un espazo clave na vida social do local. Na fotografía aparecen Avelino xunto á súa irmá Isabel, quen sostén unha xerra, acompañados por Carolina, filla de Isabel, e o seu esposo, Tranquilo. Ao fondo destaca un mural pintado por Avelino, que, lamentablemente, xa non se conserva. O gaiteiro do bigote que aparece na imaxe é, sen dúbida, Avelino. 

No bar de Avelino Cachafeiro. De dereita á esquerda: Avelino Cachafeiro, Tranquilo, Isabel e Carolina.

Neste segundo testemuño visual, a fotografía mostra a Enriqueta, José Fíriva (Maduro), e a súa irmá Carolina posando detrás da barra.

No bar de Avelino Cachafeiro. De dereita á esquerda: Enriqueta, Maduro e Carolina Fírvida, súa irmá.

Ademais do mural mencionado, dentro do bar había outra pintura de Avelino, que representaba ao seu pai, Fermín, tocando o bombo. Por desgraza, esta peza foi eliminada durante unha reforma, pero consérvase unha fotografía dela e outra de Avelino traballando no Changüí, capturada polo fotógrafo soutelán Virxilio Viéitez.

Fotografía do debuxo do pai que estaba nunha das paredes do Changüí.

Avelino xunto a pintura antes da reforma do Changüí.

Tamén se conservan fotografías de Avelino Cachafeiro con amigos ou tocando no bar, inmortalizando momentos nos que a música en directo enchía o Changüí de vida e alegría. Como curiosidade, nunha delas, onde aparece cos amigos, pode lerse nun cartel escrito a man: Actuará en este salón la orquesta 'Míllara'.

Avelino Cachafeiro na compañía do médico Don Casimiro, e de Don Joaquín Campos, secretario do Concello, entre outros.

No bar Changüí, xunto a outros músicos. Podemos ver a Bautista Alberte á caixa e a José Fírvida Cachafeiro (Maduro) e Avelino Alberte cos acordeóns.

No bar Changüí, xunto a outros músicos. Podemos ver a Bautista Alberte á caixa e a José Fírvida Cachafeiro (Maduro) e Avelino Alberte cos acordeóns á dereita da fotografía.

Na actualidade, o bar conserva unha das últimas obras de Avelino Cachafeiro: un mural en pedra de grandes dimensións, realizado entre 1968 e 1969 en homenaxe á gaita e á música tradicional. Representa un gaiteiro cunha monteira, os dedos no punteiro e unhas ás que simbolizan o voo da música. Na parte superior, figura o título Voando cas aas da vida, como o poemario do propio Cachafeiro. 

A obra, de 2,5 por 1,5 metros, está incrustada nun tabique e elaborada con pedras de distintas formas, recreando un gaiteiro a tamaño natural.

En 2024, Francisco Alberte, familiar do gaiteiro, doou a peza ao Concello de Forcarei para expoñela nun espazo público. O Auditorio de Soutelo de Montes foi o lugar escollido para a súa exhibición, coincidindo co centenario do recoñecemento de Avelino Cachafeiro como o mellor gaiteiro de Galicia. O traslado, complexo polo peso e tamaño do mural, conta coa colaboración altruísta de técnicos e empresas locais.

Francisco Alberte, familiar de Avelino Cachafeiro, xunto a Verónica Pichel, alcaldesa de Forcarei, diante do mural.

O gran salón de festas

Ademais do bar, o Changüí contaba cun amplo salón que se convertía no epicentro das celebracións en Soutelo de Montes, acollendo bailes, vodas e eventos sociais. Durante as décadas de 1970 e 1980, era habitual ver a mocidade reunida para danzar ao son da música en directo, nun espazo que dinamizaba a vida cultural da vila. 

A importancia do salón como punto de encontro social queda reflectida en diversas noticias da época. Un exemplo atopámolo na crónica publicada en El Pueblo Gallego sobre a voda de Tinita Viéitez Escariz e Francisco Bértolo Bugallo, celebrada o 30 de abril de 1953: 

Terminada la ceremonia, los novios, acompañados por los numerosos invitados, se trasladaron al Salón Changüí, donde les fue servido un banquete por el bar-restaurante Avenida. Al final, se celebró un animado baile que duró hasta el anochecer.

Outro testemuño aparece na edición do 10 de setembro de 1955, cando El Pueblo Gallego relataba a voda de Alsira Cendón Muradás e Gumersindo García Camba: 

Después, todos los asistentes se reunieron en el Bar Changüí, donde fueron obsequiados con una suculenta comida, a cuyo final se celebró un animado baile que duró hasta el anochecer.

Jesús García, Amparo Pérez, Asunción Camba, Ángel García, Saludina Janeiro, Gumersindo García, Alsira Cendón, José Camba, Ángel Cendón, María Barros e Manuel Muradás.

No programa Alalá da Televisión de Galicia, dedicado aos Diplomáticos do Acordeón, a presentadora Pilar García Rego pregunta que é o Changüí a varios dos seus membros, entre eles Jesús Campos e os irmáns Avelino, Bautista e Francisco Alberte, familiares de Avelino Cachafeiro. 

Jesús Campos explica que era un salón moi grande e con moito aforo, que se enchía nos días de feira. Avelino Alberte engade que nel se tocaban xotas, muiñeiras, tangos, pasodobres ou chachachás, e que a música non paraba, había tanta xente que só se vían cabezas, comenta. O salón medía 25 metros de longo por 12 de ancho. 

Mocidade de Sanguñedo - Forcarei, historia fotográfica do século XX

Un detalle curioso era o galiñeiro, un palco reservado para as nais das mozas, que entraban gratis porque, sen elas, moitas veces as rapazas non acudían ao baile. Ademais, gardaban os abrigos, botas e zocos das súas fillas no inverno. 

Outro aspecto destacado foi o que ocorría cando se ía a luz durante o baile. As nais, desde o galiñeiro, usaban focos de cinco pilas enviados polos emigrantes en Alemaña para iluminar a pista. Moitas mozas viñan andando desde outras aldeas, e esas luces permitían ver con quen bailaban e con que mozos se atopaban.

Actuación musical na sala "Changüí" de Soutelo nos anos 60. Ó acordeón, Avelino Fírvida, e á batería seu irmán Bautista.

Conjunto Los Montes. 

Conjunto Los Montes. 

Conjunto Los Montes. 

Conjunto Los Montes. 

Xuncada: Bautista Alberte (batería), Maduro (gaita), Francisco Alberte (baixo) e Avelino Alberte (teclados).

O cine

Outro dos aspectos destacados do Changüí foi a súa función como cinema. A sala inaugurouse en xaneiro de 1949 e funcionou ata 1970. O proxecto foi obra do arquitecto galego Robustiano Fernández Cochón, coñecido como Tano. Esta información está recollida nos documentos do Inventario y Selección de salas cinematográficas (Plan Nacional de Patrimonio Cultural del siglo XX), actualizada en setembro de 2023 e dispoñible na web do Instituto do Patrimonio Cultural de España. 

Durante os anos de funcionamento, proxectáronse películas que atraían tanto a veciñanza como a habitantes de lugares próximos, converténdose nunha das principais formas de ocio dispoñibles naquela época. Grazas á colaboración dunha familia vinculada a esta historia, recentemente incorporamos ao arquivo unha serie de documentos valiosísimos que nos permiten afondar no pasado do Changüí e no impacto do cine na vida cotiá de Soutelo de Montes. Entre o material atopado destacan: 

Este papel como sala de cinema consolidou a posición do Changüí como un referente cultural en Soutelo, ofrecendo unha xanela ao mundo para moitas xeracións que atopaban no cinema unha forma de soñar e viaxar sen saír do seu pobo.

Artigos relacionados