Asunción Gil Pérez
Asunción Gil Pérez naceu o 4 de agosto de 1910 no lugar do Outeiro, en Sanguñedo, unha localidade situada en Forcarei. Ao longo da súa vida destacou como pandeireteira, aprendendo nas ruadas do seu pobo, onde observaba ás veciñas tocando e bailando, e asimilaba os ritmos e melodías que a rodeaban.
Asunción tiña formación básica, pero o seu coñecemento e sabedoría viñan principalmente da súa experiencia na vida diaria. Traballou como costureira, na labranza e tamén foi ama de casa.
Casou con Manuel Janeiro Viéitez. Xuntos formaron unha familia con catro fillos: Amelia, Avelina, Manuel e José.
A pesar de que non existe documentación formal sobre a súa vida musical, nin entrevistas que recollan a súa voz, a información que temos sobre Asunción provén da súa familia, que mantén viva a súa memoria. Ademais de súa participación activa na música, tamén foi unha figura destacada na vida comunitaria e rural de Sanguñedo. A súa natureza afable e humilde fixo que fora moi querida e respectada entre os veciños.
Deixounos o 13 de xuño de 2007 en Sanguñedo.