Ruadas en Sanguñedo

As ruadas no lugar de Sanguñedo, en Forcarei, foron unha manifestación esencial da cultura popular, actuando como un eixo central na vida social da comunidade, coma en case todas as aldeas da contorna da Terra de Montes. A través dos testemuños de dúas das veciñas de maior idade de Sanguñedo, Élida Dapena Rivas, nada o 3 de xaneiro de 1932, e María Seara Gil (María de Luzdivina) nada o 15 ou 16 de setembro de 1934 segundo distintas fontes, é posible reconstruír a esencia deste costume, a súa organización, as súas tocadoras e a evolución cultural que levou á súa desaparición.

Élida Dapena Rivas

María Seara Gil

A organización das ruadas

Élida explica que as ruadas eran organizadas polas mulleres, que asumían o labor de decidir quen se encargaba de pedir permiso nas casas seleccionadas para o evento. As casas máis habituais para celebrar as ruadas eran onde estaba a antiga taberna; a do Perello; e a de Amelia, no coto do outeiro. Antes da ruada, limpábanse e adecentábanse os espazos, e as celebracións tiñan lugar normalmente os xoves e sábados, aínda que Élida non descarta que tamén nalgún martes. María Seara especifica que estas mulleres "ghobernaban" os espazos e eran elas as que cantaban as rondas, unha tradición para convocar aos mozos dos lugares veciños.

Fotografía da antiga taberna de Sanguñedo

As rondas realizábanse en puntos estratéxicos como o alto do Castro, así o recorda María, onde as mulleres tocaban e cantaban para anunciar o inicio da ruada. Unha das coplas que ela recorda di así:

Imos facela ruada 
imos facela ruada, 
se non veñen os de Soutelo 
han de vir os de Millerada.


As tocadoras de pandeireta

A pandeireta era o instrumento principal das ruadas. Élida menciona nomes como Preciosa, Palmira, Hortensia de Sinforosa, Avelinoa da Gallardiña, e as irmás da Grobeira: Filomena, Encarnación, Carmen, Rosa e Celia. Esta última, segundo Élida, era maior e non chegou a ruar con ela.

María Seara engade outros nomes como Placeres e Irene, a súa propia irmá, con quen tamén ruou. Ademais, lembra que Amalia de Vilariño, coñecida como Amalia da Cañota, tocaba a lata, empregándoa como instrumento rítmico complementario. 

Aínda que elas non a recordan, unha das figuras a recordar na historia musical de Sanguñedo foi a tía Andresa, que chegou a tocar co grupo dos Gaiteiros de Soutelo.

As pandeiretas, adquiridas habitualmente nas feiras, eran tocadas con diferentes técnicas. María menciona que para interpretar os valses, a pandeireta sostíñase coa man pechada, mentres que para outras pezas, como xotas e muiñeiras, tocábase coa man aberta.


Música, baile e roles de xénero

O repertorio das ruadas seguía unha orde establecida: xotas, muiñeiras e, finalmente, valses para os bailes de agarre. Segundo Élida, os homes non participaban como músicos, pero sí lideraban os puntos nos bailes. María, porén, lembra algúns homes de Trasdomonte que tocaban ocasionalmente nas ruadas, rompendo esta norma non escrita.

O baile solto e os bailes agarrados eran parte fundamental da ruada, e os homes eran os encargados de convidar ás mulleres a danzar. Élida lembra que os mozos doutros lugares, como Millerada, Soutelo ou Vilar, acudían ás ruadas de Sanguñedo, pero as mulleres non participaban das ruadas nos lugares veciños.


Anécdota

As ruadas tamén eran espazos onde afloraban tensións sociais. María relata unha anécdota protagonizada por Sabino, un veciño de Sanguñedo que intentaba impedir que os mozos de Trasdomonte participasen nas ruadas. Nunha ocasión, Sabino dixera "a ver! Un pau ao candil e a rúa fora!" para acabar coa festa. Foi entón cando un grupo de mozos fortes do lugar de Trasdomonte, liderados por un veciño dos Foucioso, que segundo ela eran uns "mozatóns bonitos e fortes", chamou a varios mozos veciños de Trasdomonte para ir á ruada e Sabino, ao ver que eran moitos, debeu coller respeto e deixáronos bailar.


O declive das ruadas e os bailes no "Changüí"

As ruadas comezaron a declinar co cambio cultural que trouxo a emigración masiva dos mozos a América, especialmente a Brasil e Venezuela, como recorda María. Co paso do tempo, os bailes en salón gañaron popularidade, especialmente no Changüí de Soutelo de Montes, un espazo propiedade da familia de Avelino Cachafeiro, o célebre gaiteiro de Soutelo. Nestes bailes, o acordeón e outros instrumentos modernos substituíron ás pandeiretas e ás coplas tradicionais, marcando o final dunha era.

Os testemuños de Élida Dapena Rivas e María Seara Gil permiten preservar a memoria dun costume que marcou profundamente a identidade cultural de Sanguñedo. As ruadas foron máis ca festas; foron espazos de creación, colaboración e afirmación comunitaria, liderados maioritariamente polas mulleres. Este patrimonio, que mestura música, danza e vida social, merece ser lembrado como un exemplo de como as tradicións populares articulan as relacións humanas e a historia dun lugar.

Vídeos

Recollida en Sanguñedo

A recollida foi realizada o 17 de setembro de 1997 no lugar de Sanguñedo, situado no concello de Forcarei, por José Carlos Moreiras, Ana López e Ramón López.

Nesta ocasión, protagonizan a gravación as irmás María Seara Janeiro, coa pandeireta na man, e Amparo Seara Janeiro. Segundo comenta a familia, Amparo adoitaba asistir ás ruadas da zona, aínda que confesaba que nunca se lle deu ben tocar a pandeireta.

María Seara Janeiro naceu o 28 de setembro de 1919 e faleceu o 1 de febreiro de 2015, mentres que a súa irmá maior, Amparo Seara Janeiro, naceu o 24 de maio de 1917 e morreu o 5 de xaneiro de 2018.

Este anaco de tradición, recollido na gravación, é un exemplo do traballo fundamental realizado para preservar a herdanza cultural da comarca da Terra de Montes e para lembrar ás persoas que mantiveron viva esta riqueza cultural ao longo dos anos.

Amparo á esquerda e María á dereita.

Artigos relacionados