Manuela Cortizo Medal

Manuela Cortizo Medal, Manuela de Barro, tamén coñecida por Manuela das Marianas, nacera o 13 de xullo de 1930 en Cerdedo (Pontevedra). De nena trasladouse ao lugar de Barro de Arén, no mesmo concello, onde residiu desde aquela. Alí casou con José Álvarez Sieiro, criou dúas fillas, Sinda e Ana, e dedicouse aos labores do campo.

Da súa tía, Mariana Cortizo Lorenzo, aprendeu os primeiros cantos que, coa súa prodixiosa voz, axiña lle deron renome e prestixio en toda a comarca. Tras unha vida intensa, dura, apenas escolarizada, cando chegou á xubilación promoveu a creación da agrupación "Pandereteiras de Barro de Arén", grupo que chegou a gravar un disco e que achegou ao panorama da música popular tradicional un repertorio infinito de coplas e cantigas extraídas da memoria prodixiosa de Manuela. Con esta agrupación tamén participou en programas de radio e televisión, e foi entrevistada por numerosos investigadores do folclore popular galego, cuxo resultado se pode comprobar en libros como Cantares de Manuela de Barro, de Calros Solla, e Cantareira de Barro de Arén. Manuela Cortizo Medal, de Xosé Lois Foxo. O seu repertorio como cantareira é moi amplo: cantos de ronda, de berce, Reis, Nadal…, cantares de oficios (de arrieiros, alfareiros…), parrafeos, romances (históricos, de cego …), coplas de todo tipo, interpretadas con ou sen acompañamento da pandeireta.

Manuela foi unha muller alegre, de voz potente e transparente. Da calidade da súa voz, a mesma daquela nena á que ás súas tías lle pedían que cantase mentres alindaba as vacas polo monte para saber onde andaba, dá unha cabal idea o apelativo que lle dedica o escritor Calros Solla, biógrafo e gran recompilador do inmenso arquivo da súa memoria, cando a define como a “Monserrat Caballé de Terra de Montes”.

Poucas veces tropezamos nas nosas camiñadas polo país con persoas tan sensibles e amantes da cultura tradicional, tan preocupadas pola recreación e difusión dos cantos e das músicas populares. Garda na súa memoria milleiros de pezas para cantar, pero tamén contos e lendas ou historias da súa querida Terra de Cerdedo.

Por todos estes méritos o concello de Cerdedo concedeulle a Medalla de Ouro, o concello de Forcarei a Medalla “Gaiteiro de Soutelo”. Conta co Diploma da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e co Diploma “Mestra da Memoria”, concedido pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) o ano 2013.

Deixounos o 31 de xaneiro de 2018.

Texto obtido da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galegaga.

Manuela das Marianas, mestra pandeireteira de Barro de Arén

Guillerme Ignacio Costa

Revista Aturuxo nº 18. Voceiro da AGG do ano 2019.


“Eu xa son, doume dios dunha forma, que eu se non estou aleghre, e se non canto, e se non fagho destas cousas, eu pa min non é vivir.” (1)

Moitas persoas boas, sabias e xenerosas teñen axudado a sortear a ruptura na transmisión da música e do baile tradicionais na nosa terra. Mulleres especiais pola súa sabedoría, xenerosidade e facultades musicais, han ser por xustiza exemplo e referente neste duro traballo colectivo de manter viva a nosa tradición musical. E entre esas grandes mestras pandeireteiras cómpre honrar á gran Manuela Cortizo Medal, Manuela das Marianas.

Unha vida na aldea

Manuela nacera o 13 de xullo de 1930 na vila de Cerdedo,  en plena Terra de Montes. Sendo unha nena múdase á aldea de Barro de Arén, onde a críarían dúas tías súas, alcumadas As Marianas. Xa de nena amosa ser moi cantareira e ter moi boa voz, cousa que debía agradar ás súas tías, que a animan a cantar e apréndenlle cantares decote. 

Segundo se vai facendo moza comeza a participar no baile comunitario, nas “rúas” que celebraban en Barro ou Arén todos os xoves, sábados e domingos de invernía. Para poderen facer a rúa todas as mozas tiñan que cantar ou tocar a pandeireta na medida das súas posibilidades, e Manuela, cantareira como era, aprende todos os toques que marca a tradición na aldea. A jota, a muiñeira, o pasodoble, o tao tao e mais o valse son os bailes que adoitaba botar canda a súa grande compañeira e veciña Ghumersinda das Dieghas, a outra grande mestra pandeireteira de Barro.

Manuela e Ghumersinda foron das últimas en facer rúa de pandeireta en Barro, aínda que na casa de Manuela nunca se deixou de tocar e bailar o solto nos días de festa grande: no primeiro de ano, o 8 de maio pola festa de Arén e o 19 de setembro pola de San Mighel das Uvas. 

A revolución das recolleitas 

Nos anos noventa aparecen por todo o país mozos e mozas pertencentes a grupos folclóricos urbanos que ven na xente das aldeas a realidade da tradición que ata o momento lles fora negada e saen á súa busca. É a revolución das recolleitas. Os primeiros en chegar a Barro de Arén foron os coruñeses de Ruote a mediados dos noventa e, xa no 2001, os pontevedreses do Tear de Llerena abrirían rego cara uns anos de extraordinaria efervescencia musical en Barro. Nos seguintes anos, non houbo compiladora en activo que non visitara Barro de Arén, chegados dunha punta a outra de Galiza e mesmo da veciña Asturias. Todo ese movemento axuda a pór en valor aquela enorme sabedoría que Manuela e as compañeiras gardaban na memoria como algo cotián, e anímaas a xuntarse unha vez por semana no recén reformado “teleclú”, para repasar aquel repertorio da súa mocidade e, xa postas, levalo a onde as reclamaran. E vaia se as reclamaron.

As pandeireteiras de Barro de Arén

É así como nacen as pandeireteiras de Barro de Arén, paralelamente ao que sucede nesa altura noutras aldeas por todo o país. Momento importante para dalas a coñecer foi a súa primeira actuación no Luar da TVG en 2002, na que Xisco Feijóo e Leni Pérez as levaron a tocar e bailar ao xeito das rúas dos seus tempos mozos en pleno “prime time” televisivo. E de aí axiña veu a chamada a participar en ruadas, seráns e festas de todo tipo, tanto pola Terra de Montes como polo resto de Galiza (2).

No ano 2005, dende o Concello de Cerdedo conséguese financiación para editar un disco das xa exitosas pandeireteiras de Barro. Ensaiadas como estaban, aceptan gustosas a proposta e buscan apoio nas súas novas amizades: os compiladores José Codesido, Xandre Outeiro e mais este que escribe. E así é como, entre decembro de 2005 e febreiro de 2006, Gumersinda Castro “das Dieghas”  e súa irmá Rosa, Alsira López “dos Carballeiros”, María Martínez “da Helena” e súa irmá Felicitas, Clara “dos Ruzos” de Meilide e José Cortizo “da Fonte” gravan nos estudos Phonos da estrada o que resultou ser o primeiro disco adicado integramente a unhas pandeireteiras tradicionais galegas, baixo o título “Cerdediño p’ros amores” (3).

A presentación deste traballo no Teatro principal de Pontevedra en xuño de 2006 é aproveitada pola xente do Tear de Llerena para lles facer unha homenaxe ás protagonistas, na que participan desinteresadamente, ademais dos anfitrións, os grupos Leilía, Donicelas e Xirandola, exercendo de mestra de cerimonias a televisiva Leni Pérez.

Nese mesmo mes de xuño emítese o programa da TVG Alalá adicado ás pandeireteiras de Barro, un fermoso documento tamén dispoñible hoxe na rede para quen queira achegarse máis a estas mulleres (4). 

O recoñecemento

A labor dos compiladores que pasan por Barro continúa e son varios os que fixan a súa atención en Manuela, tal era o seu saber e xenerosidade. 

En 2008, o etnógrafo cerdedense Calros Solla edita o libro  “Cantares de Manuela de Barro, achegas ao cantigueiro de Cerdedo” (5), que actualmente se atopa na súa terceira edición.

No ano 2009, é chamada a participar no programa nun novo formato no que comparte protagonismo coa grande Áurea de Laxoso (Ponte Caldelas), chamadas ambas desta vez polo compilador “Topo” Vidal. 

Outro folclorista que se interesa por Manuela é Xosé Lois Foxo, que no 2010 lle adica á súa figura un libro-Cd-DVD baixo o título “Cantareira de Barro de Arén. Manuela Cortizo Medal” (6). 

Os recoñecementos sucédense e nese mesmo 2010 Manuela recibe a Medalla de ouro da Real banda de gaitas da Deputación de Ourense da man de Xosé Luís Baltar, ocasión pola cal interpreta o seu aclamado cantar do arrieiro dentro da propia Catedral de Ourense. 

En agosto do 2011 outórgaselle a medalla Gaiteiro de Soutelo, e en marzo do ano seguinte a Medalla de ouro do Concello de Cerdedo, por vez primeira a unha muller. 

Xa no 2013 chégalle aínda un último recoñecemento: a Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega (ALEG) nomea a Manuela Mestra da memoria (7).

No 2015 cae enferma e en xaneiro do 2018, aos 87 anos de idade, déixanos a nosa grande mestra da tradición cerdedá, Manuela Cortizo, Manuela das Marianas.

Guillerme Ignacio Costa

Febreiro 2019

(1) Lume na palleira. Emilio Españadero. CRTVG, 2006.

(2) Festival As Nosas Músicas de Couso en agosto de 2004; Rúa en Cerdedo en xullo de 2005; presentación do Cd dos Gaiteiros de Soutelo no propio Soutelo en xaneiro de 2006; Festa do Xabarín en Maio de 2006; Polafía en Cerdedo en decembro de 2007; Festa dos Reis no 2007 en Santa María de Sacos; Rapa das Bestas de Sabucedo en xullo do mesmo 2007; serán en Moscoxo (Pazos de Borbén) en febreiro de 2004; Festival do Millo Corvo de Meiro (Bueu) en marzo de 2004, serán en Vilagarcía en decembro de 2006…

(3) Pandeireteiras de Barro de Arén. Cerdediño p’ros amores. A Estrada, Phonos, 2006. Non dispoñible nas tendas en formato físico, mais si en aberto no blog “Arquivos tradicionais” xestionado por Rubén Troitiño: https://arquivostradicionais.wordpress.com/2016/11/17/pandereteiras-de-barro-de-aren/

(4) Alalá. Senén Bernárdez. CRTVG, 2006. Dispoñible en youtube: https://youtu.be/8B15-EAtYcc 

(5) Calros Solla, 2008.

(6) Xosé Lois Foxo, 2010.

(7) https://www.aelg.gal/actividades/mestras-es-da-memoria


Discografía

Cerdediño p'os amores

Ficha da gravación

Cantaron e tocaron:

Tamén axudaron:

Sinda: voz no corte 19.

Marcelino: bucios no corte 1.

José da Bandeira: pandeireta no corte 32.

Guillerme Ignacio Costa: gaita de fol nos cortes 13 e 32.

Produción musical: Pandereteiras de Barro de Arén/Guillerme Ignacio Costa.

Técnico de son: Valentín.

Deseño gráfico: Tent’a Toura.

Textos: Guillerme Ignacio Costa.

Gravado e mesturado nos estudios Phonos da Estrada entre os meses de Decembro do 2005 e Febreiro do 2006.

O noso fondo agradecemento ao Concello de Cerdedo pola seu decidido apoio a este proxecto. Tamén graciñas a José de Xirandola pola súa colaboración, e a Xerardo Albela dos Raiceiros polo punteiro de si.

Guillerme Ignacio Costa

Fotografías

Vídeos

Manuela Cortizo "das Marianas" (Cerdedo 1930), bota un cantar dos arrieiros que aprendeu de seu pai, e cun retrouso que ela mesma lle engadiu. 

Gravación feita no "teleclú" de Barro de Arén o 5 de novembro do 2005, dentro con motivo do II Encontro de pandeireta galega e asturiana.

Corte cedido ao APOI dentro da colección de Guillerme Ignacio Costa.

Gravación feita no "teleclú" de Barro de Arén o 5 de novembro do 2005, con motivo do II Encontro de pandeireta galega e asturiana. Exemplo das múltiples Rúas que se fixeron neste pequeno local onde as pandeireteiras de Barro compartiron con quen quixo os enormes saberes arredor da tradición na súa aldea que gardaban e aínda gardan.  Tocan e cantan Ghumersinda e Rosa Castro "das Dieghas" ( Barro 1927 e 1934); Manuela Cortizo "das Marianas" (Cerdedo 1930), Clara "dos Ruzos" (Meilide 1935) e José Álvarez "Pepito do Codeso" (Barro 1923). Cámara: Daniel Carballo "Maca".

Gravación feita no "teleclú" de Barro de Arén o 5 de novembro do 2005, con motivo do II Encontro de pandeireta galega e asturiana. Exemplo das múltiples Rúas que se fixeron neste pequeno local onde as pandeireteiras de Barro compartían con quen quixera os enormes saberes arredor da tradición na súa aldea que gardaban e aínda gardan.  Tocan e cantan Ghumersinda e Rosa Castro "das Dieghas" ( Barro 1927 e 1934); Manuela Cortizo "das Marianas" (Cerdedo 1930), Clara "dos Ruzos" (Meilide 1935) e José Álvarez "Pepito do Codeso" (Barro 1923). Cámara: Daniel Carballo "Maca".

Corte cedido ao APOI dentro da colección de Guillerme Ignacio Costa. 

Manuela Cortizo "das Marianas" (Cerdedo, 1930) e Ghumersinda Castro "das Dieghas" (Barro, 1927) xa foran compañeiras tocando xuntas nas Rúas da súa mocidade. Acompáñaas nesta ocasión Clara "dos Ruzos" (Meilide, 1935), da veciña Meilide, tocadora que se uniu a elas cando se xuntaron como “Pandeireteiras de Barro de Arén” para ir tocar polas rúas de comezos dos 2000.

Bailan Marcelo González e máis Delmira "da Brasileira", veterana bailadora tamén protagonista no Alalá de Barro de Arén (https://www.youtube.com/watch?v=8B15-...).

Esta melodía non aparece no seu Cd “Cerdediño p’r’os amores” (https://soundcloud.com/arquivostradic...).

Gravación feita na cociña de Manuela por Xandre Outeiro, Guillerme Ignacio e Marcelo González (O Tear de Llerena), o 22 de outubro do 2005.

Corte cedido ao APOI dentro da colección de Guillerme Ignacio Costa.

Manuela Cortizo "das Marianas" (Cerdedo, 1930) e Ghumersinda Castro "das Dieghas" (Barro, 1927) xa foran compañeiras tocando xuntas nas Rúas da súa mocidade. Acompáñaas nesta ocasión Clara "dos Ruzos" (Meilide, 1935), da veciña Meilide, tocadora que se uniu a elas cando se xuntaron como “Pandeireteiras de Barro de Arén” para ir tocar polas rúas de comezos dos 2000.

Botan unha jota clásica de Barro de Arén, versión estándar da jota na aldea. É un dos poucos tons estróficos que atopamos para a jota en Barro, onde gustan de cantalas con retrouso. Esta melodía non aparece no seu Cd "Cerdediño pr'os amores" (https://soundcloud.com/arquivostradic...).

Gravación feita na cociña de Manuela por Xandre Outeiro, Guillerme Ignacio e Marcelo González (O Tear de Llerena), o 22 de outubro do 2005.

Corte cedido ao APOI dentro da colección de Guillerme Ignacio Costa.

Asociación Cultural Maghúa - 03/01/2009

O que ia ser unha tarde para botar os Reis en Barro de Arén, converteu-se nunha tarde completa de aprendizaxe, de gravación de cousas bonitas como esta. 

Un pracer ter compartiillado a tarde con Guillerme, Rita, Laura, e os veciños e veciñas de Barro... 

Se ben iamos asistir Tear de Llerena e Maghúa, ao final aparecimos (en parte) os dous grupos. Ah, ao final, tamén botamos os Reis... 

Hai que repetir!

Prensa

La Voz de Galicia
Venres 30 de marzo de 2012

La Voz de Galicia
Xoves 1 de febreiro de 2018

Polafías da AELG

Que son as polafías?

Unha aposta da AELG a prol da literatura galega de tradición oral.

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogalía de Literatura de Tradición Oral (Antonio Reigosa e Lois Pérez), Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.

A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun/ha mantedor/a, divulgador/a ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor/a de feitío popular; dun/ha músico/a, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles/as son os/as auténticos/as protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.

Colaboraron na organización

Agradecementos

Patrocinador

Coordinou

O cantar do arrieiro

Texto transcrito

O cantar do arrieiro
é un cantar mui baixiño,
cántano en Ribadavia,
resona no Carballiño. 

Ai, ruíña,
ai, ruada,
vinde mozos
e vellos á fuliada.

Fun ó viño ó Ribeiro
e pasei pola Almuzara
e no alto de Soutelo
bateum'a neve na cara.

Ai, ruíña,
ai, ruada,
vinde mozos
e vellos á fuliada.

Arrieiro da Murada,
vai polo Paraño arriba,
mociñas de Vilapouca,
téndell'a carne cocida.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

Estas cántigas tan pouco ritmadas, con temática literaria relacionada co arreo, foron clasificadas desde vello por autores como Marcial del Adalid, Espinosa ou Casto Sampedro, como cantos de arrieiro. Musicalmente forman parte dun xeito vocal hispánico moi arcáico que ten xéneros por toda a península.

En Andalucía hai varios aínda que están moi redondeados pola intervención permanente da guitarra. En Asturias está a denominada tonada asturiana. A primeira catalogación que coñecemos deste tipo de cántigas en Galicia é a que fixo Manuel Murguía en Historia de Galicia, 1.847, chamándoas alalás, seguramente pola frecuencia con que se daban versos baleiros do tipo “a la la la …”

A esta interpretación nótaselle unha influencia discográfica porque os cantos orixinais estaban integrados por unha única estrofa, rematada, iso si, por refráns semellantes ao que nos ocupa agora. Ás veces, como xa se apuntaba, estes refráns incluían versos baleiros se é que non aparecían xa nas repeticións dos versos da estrofa.

Desde a aparición dos Coros Galegos (Aires da Terra de Pontevedra en 1.887, Toxos e froles de Ferrol en 1.917, De Ruada de Ourense en 1.919, etc.) estes cantos foron un obxectivo codiciado e as edicións discográficas incluíanos moitas veces, agrupados en dous ou tres, interpretados polos magníficos solistas que tiveron todas estas formacións. Pode criticarse o intervencionismo daquelas agrupacións folclóricas no repertorio tradicional pero, sen elas, tal vez cántigas coma estas terían xa desaparecido.

Asesor musical: Juanjo Fernández

O pretendente

Texto de presentación

Interpretan Manuela Cortizo acompañada de Guillerme Ignacio Costa.

Texto transcrito

-Boas tardes, Maruxiña,
vouche decir unha cousa,
se ti me queres a mine
eu non me caso con outra.

-Que te quero, ben o sabes,
non precisas preguntar,
hai un ano que che dixen
que me quería casar.

-[Ti] tomaralo de risa
pero díghocho de veras
que ando buscando muller
e non topo quen me queira.

-Pois si ningunha te quere
será porque tu eres malo
ou porque che teñen medo
que non cumplas co traballo.

-Eu por malo non me teño
e menos por folghazán,
solamente que as rapazas
dinme que son un larchán.

-Se cho dicen non se engañan
porque tu eres un bagullas,
andas xogando con todas
e non cumples con ningunha.

-Non te fíes, Maruxiña,
eu pra ti hei ser formal,
dáme un bico, Maruxiña,
non me faghas rabear.

-Se que[re]s que che dea o bico
lévame xunto o altar
que despois, de casadiños,
bicos non che han de faltar.

-Por un bico que che pido
xa te pos tan enfadada,
que farás se che pedira
o que tes baixo da saia. 

-Teño xuramento feito,
mentras estea solteira,
que nin ti ningún lambón
me ha ver a chocolateira.

-Pois eu teño que cha ver,
senón non caso contigho,
porque tamén podes ter
alghún defeuto escondido.

-Vaite de aí ghalupín,
boca de cadelo mouro,
que xa non te quero máis
aunque te coronen d'ouro.

-Pois eu tampouco te quero,
ollos de ghata mamada,
que te tes por moita cousa
e pra min non vales nada.

-Se che dera o que ti queres
sería boa rapaza
pero, como non son tonta,
busca outra que cho faga.

O mozo marchou correndo,
a moza quedou decindo:
- Esta saleuche torcida
e vaia o demo contigo.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

Este tipo de cántigas narrativas, que tratan da conversa entre un mozo e unha moza, coñécense de vello como parrafeos. Tiveron unha dilatada época de moda a mediados do século XX, difundidas por cantadores populares coma os cegos. Eles interpretábanas e vendíanas impresas nas coñecidas popularmente como título.

Apréciase unha trama ben tecida, con gran sentido literario e habilidade para estractar o argumento,dotándoa dun humor popular con picardías ao gusto da época. A autoría destas cántigas, permeneceu sempre no anonimato pero sábese que insignes literatos, como Álvaro Cunqueiro, prestábanse a compoñer pequenas obras así para os cegos das súas zonas respectivas.

Asesor musical: Juanjo Fernández

O trasno do muíño da Ponte

Texto transcrito

Antes íbase aos muíños, moito de noite que polo día había moito que traballar, e entonces íbase de noite, e...e entonces estaban dúas mulleres barrendo o muíño, xuntando a fariña e eso e rabuñábanlle na porta i as mulleres, claro, asustábanse i o...entonces, dicían: que será o que está aí afora? Porque esto...volvían a parar un pouquiño pero volvíanlle a rabuñar na porta, e entonces dixeron, pois hai que saber a ver que é o que pasa, temos que nos atrever porque senón ahora aquí que facemos? I atrevéronse i abriron a porta i era un aniño, un cordeiriño.

Dixeron: ai, vaia por Dios! A alghén lle quedou fóra, que lle pareu a ovella por aí e quedou o año por aí tiradiño e aí o está, aí está o pobre, pois hai que o quentar algho e acaricialo. Quentárono, secárono, fixéronlle todo e dice que o tiñan xa / empezou el a levantar a cabeza i a poñerse todo...bueno ho! Despois xa parecía unha ghloria mirar pa el. E pois mira, mañán hai que preghuntar a ver pra...pa mirar a ver de quen é, de quen lle quedou fóra.

E viñan con el así no coliño i a outra viña co...co saco da fariña na cabeza e vai o año e doulle un pincho, saltou del...e dela, e díxolle e díxolle el: uhuruhú, as mozas da Ponte quentáronme o cu.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Santa Corellana

Texto transcrito

Este é de Santa Corellana, évos, eran catro compadres, moi amighos, moi amighos, as mulleres a máis os homes non? E todo o que sabía unha dicíallo á outra; bueno, coma se foran da misma casa todos. E entonces un día, alí, íballe o home a unha, andaba traballando por aí, polo...era carpinteiro e iba retellar, e entonces marchou e el non iba vir durmir á casa, pero cheghou ao medio do camiño e veuse a chuvia e dice: por onde vou eu? Déixame volver prá casa porque, claro, hai que...mañán chóveche e pa retellar non sirve.

E volveu, i ao volver pa a casa, pois, cheghou e abreu a porta, i a muller que, xa estaba na cama, e...sinteu e díxolle Manuel! Eh! E ti ves aí? Veño. Ah! E logho que che pasou? Pero tiña outro xa na cama con ela. E estáballe facendo ao outro e contestándolle a ese e facéndolle ao outro así que se fose xa retirando. Pero o outro non daba retirado, e entonces non había luz, e daquela non había luz; i ao non haber luz colleu e meteuse na cama o home da muller e dixo el: Ai María, que camiña quente tes, que ben se un mete aquí. 

E como era de costumbre, ao meterse na cama, ela foille deixando sitio, o outro iba salindo, botoulle a perna por riba á muller e entón ao botarlle a perna por riba colleu e dixo el: oh! Pero aquí cantas pernas hai encima de ti, eu aquí topo unha chea de pernas! Oh, son miñas! Ai! Cantas pernas...pois como que son túas? Se eu aquí...Son miñas! As pernas son miñas, e íballe dicindo ao outro que marchase, hasta que saleu do lío que...que saleu o home.

Á mañán, inda non se vía,  a muller xa se levantou, xa lle foi contar á comadre pa que lle botara unha man pa…o que pasara. E entonces ao cheghar alí…alí díxolle ela: ai comadre moito madrughou! Madrughei, miña filla! Que me ten que librar dun apuro moi ghrande, que onte toparon…topoume na cama con…Manuel e topoume i aghora como vou facer. Eu disimulei o que puiden, pero el non está conforme, que non está contento. E dixo, e díxolle, díxolle: bueno, pois mire, comadre, vaia tranquila, díxolle a outra, que eu xa me arreghlarei bien e xa ghobernarei.

Ao outro día colleu e púxose iban…antes os homes iban á mañá cedo, collíase o sacho, a agua e a reghar aos campos, era o que se facía, mentres as mulleres facían o desayuno pa...pa comer. E entonces vaise e foi e...a comadre púxose a fiar alí á porta no liño. E estaba fiando no liño, e cando veu de volta pa riba outra vez o home xa fiaba lana, e tiña un montón de lana alí e xa estaba fiando na lana. E díxolle el oh! Comadre, e usté antes fiaba liño, agora xa está fiando lana, que...que fai aquí. E díxolle el pois / díxolle ela: pois mire, usté non sabe o día que é hoxe? E logho, que día é hoxe? Ai Dios mío, non me digha, por Dios, que non sabe o día que é hoxe oh? Eso non se lle ocurre a ninguién que o sabe todo o mundo. E logho que día é hoxe? Hoxe élle día de Santa Corellana: el lino se vuelve lana y de dos piernas cuatro en la cama. 

E despois, e despois colleu e, claro, alí dixo el: ai comadriña! Que llo hei de paghare eu iba cheghar aghora á casa e iba facelo demo, porque eu pra min que había...e ti mira o que fai e é día de Santa Corellana. E por eso tranquiliño; pero pasaron alí un mes ou dous ou así e apareceu preñada. Bota alá outra vez onda a comadre: comadriña, aghora si que a...bueno, cagheina de todo. Aghora encóntrome que...embarazada. E aghora como vou facer? Porque como el bótalle as contas dunha maneira e eu digo que son doutra e no sei que, el di que xa o rapaz ten que nacer pa o mes de San Xoán, e xa estamos no mes de abril e...eu no sei, e pra alá  non teño os meses que me pertenecen e díxolle el: non, ten que sere, ten que dar comadre, usté engháñase. E logho como é...como vou facer? Pois espere aí, mire, usté conte comigho, mire, en abril, non di? Si! Bueno, pois mire: en abril i abrirete i o mes que se lle mete son tres, non son? Son, si señor, son tres: maio e maiolo i o mes que vén solo, non son outros tres? Son, compadriño, son. Bueno, San Xoán e San Xoanás, e o mes que nace o rapáz, os nove meses. E díxolle: comadriña, esto eu non llo pagho máis.

Autora da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Santa Helena

Texto de presentación

Acompaña coa zanfona Guillerme Ignacio Costa.

Texto transcrito

Estando bordando   na miña corbata
con aghullas de ouro   dedales de plata.
Veu un cabaleiro   pidindo pousada.
- Se os meus pais queren,   eu de linda gana.
Puxéronlle a mesa   no medio da sala
con cuchillos de ouro,   cubiertos de plata.
Puxéronlle a cama   nun rincón da sala
con colchóns de seda,   sabenas de Holanda.
Pola media noite,   el se levantou
e das tres irmás   Helena levou.
- Di como te chamas,    miña enamorada
- Na miña casa, Helena,   aquí, Desgraciada.
Sacou puñal de ouro,   alí a matou.
Fixo unha gloriña,   alí a enterrou.
E ós sete anos    por alí volveu
pastorciños novos  no sitio encontrou.
- Pastorciños novos,   que gardais aí?
- Gardamos a Helena   que mataches ti.
- Miña enamorada,   meu amor primeiro,
que sempre te trouxen   ó lado dereito.
- Sácate de diante,   ladrón, carniceiro
que do meu pescozo   fixeches alleiro.
- Adiós, padre, madre,   hermanos devotos,
que eu voume pra o ceo   rogar por vosoutros. 

Autor/a da transcrición: Estefanía Mosquera Castro

Comentarios

Este romance é titulado Santa Irene por Ana Valenciano en Romanceiro Xeral de Galicia Vol I. Trátase dun romance clásico castelán do que a adaptación á lingua galega non semella casual ou espontánea senón premeditada, sen que se poidan achegar moitos datos de tal intervención.

Asesor musical: Juanjo Fernández

Publicacións relacionadas

Cantares de Manuela de Barro - Calros Solla

Cantareira de Barro de Arén - Xosé Lois Foxo

Limiar escrito polo músico e investigador Oscar Ibáñez, conta cun total de 235 páxinas e divídese en 10 apartados:


Ademáis de fotografías e transcripcións de letras e melodías, o libro conta con dous discos, un DVD e un CD cun total de 32 cortes de audio..

Artigos relacionados