Cantareira de Barro de Arén
Xosé Lois Foxo
Título: Cantareira de Barro de Arén
Autor: Xosé Lois Foxo
ISBN: 979-0-69200-804-0
Depósito legal: VG 122-2012
Primeira Edición: Maio 2012
Edita: Inquedanzas Sonoras
Revisión lingüística: María Ruth Foxo Aira e Gabinete Lingüístico da Deputación de Pontevedra.
Limiar escrito polo músico e investigador Oscar Ibáñez, conta cun total de 235 páxinas e divídese en 10 apartados:
Limiar
Cantareira de Barro de Arén
Distincións
Cantares de ronda e Parrafeos
Cantares de oficios
Cantares de Reis e Nadal
Romances
Cantares varios
Índice de melodías, audio e víeo
A lenda do arrieiro
Ademáis de fotografías e transcripcións de letras e melodías, o libro conta con dous discos, un DVD e un CD cun total de 32 cortes de audio..
Foxo recupera os cantares atesourados por Manuela Cortizo
O etnógrafo fai un libro sobre a cantareira, «a Montserrat Caballé» da música tradicional
viernes 12 de OCTUBRE de 2012 - el Progreso
JAUREGUIZAR - sjaureguizar@elprogreso.es
LUGO. Xosé Lois Foxo descubriu hai dez anos unha fonte musical que parece non cesar de manar cantares e romances, Manuela Cortizo, sobre a que vén de publicar un libro, un CD e máis un DVD. O coñecemento da canción tradicional e máis «o sabor do canto popular» ao interpretar animan ao etnógrafo do Courel, que presentou o material en Lugo, a elevala como «a Montserrat Caballé» deste estilo musical. «Ao igual que Avelino Cachafeiro é o modelo do século XX coma gaiteiro, Manuela Cortizo é o referente no canto tradicional», indicou o autor, que salienta que ambos os dous proceden da Terra de Montes, en Pontevedra.
Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense, concede tanta importancia á memoria e á calidade interpretativa desta cantareira que leva dez anos acudindo a Barro de Arén (Cercedo), onde Manuela naceu en 1930, para recompilar o milleiro de pezas que atesoura. Uns 180 temas aparecen no libro ‘Cantareira de Barro de Arén. Manuela Cortizo Medal’, que edita InqueDanzas Sonoras.
Foxo comenta con certa amargura que esta artista «é o derradeiro elo dunha cadea de séculos», na que se foron transmitindo cancións que son comúns a todos os lugares de cultura galega. A xeito de exemplo cita un cantar de Reis que el atopou «con pequenas variacións» cantado en Corullón, na zona galegofalante do Bierzo.
«Algunhas pezas que canta Manuela proceden do século XIV, como é o caso do ‘Cantar do arrieiro’ ou de ‘Elena’, unha canción que aparece no repertorio sefardí cantado en Israel, Turquía ou Marrocos», apreza o músico de Romeor do Courel. De feito, louba que Manuela Cortizo canta con «cadencias de formas medievais».