Os campaneiros de San Miguel de Presqueiras
Neste pequeno artigo abordamos a figura dos campaneiros da parroquia de San Miguel de Presqueiras, no concello de Forcarei. O lugar de Presqueiras, composto por dúas parroquias, San Miguel e Santa Mariña, destaca pola súa riqueza cultural e pola conservación de tradicións.
A parroquia de San Miguel de Presqueiras está formada polas aldeas de Outeiro, San Miguel, Guisande, Riazón e Morgade, lugares cheos de historia e memoria colectiva.
O labor dos campaneiros ía máis alá do simple feito de tocar as campás. Eran figuras centrais na estrutura social e relixiosa de San Miguel de Presqueiras. Os seus toques organizaban a vida diaria, ofrecían consolo nos momentos de perda e unían a comunidade nas festividades.
Unha anécdota curiosa desta tradición é a crenza popular sobre as campás “que choran”. Os veciños da zona afirman que cando unha campá soa baixiño e cunha reverberancia distinta á normal, dise que “a campá chora”. Segundo esta crenza, se unha campá “chora”, é símbolo de que vai morrer alguén do pobo.
José "de Camilo" Barros
José "de Camilo" Barros, coñecido como Camilo, foi o primeiro campaneiro rexistrado desta parroquia. O alcume “Camilo” podería derivar do nome do seu pai, aínda que esta hipótese segue sen confirmarse. Contratado pola veciñanza, José tiña unha rutina que estruturaba o día dos habitantes: tocaba as campás tres veces ao día, á alba, ao mediodía e pola tardiña, anunciando a hora do rezo. Ademais, executaba diferentes toques segundo as circunstancias, como o toque de trono ante tormentas.
A súa filla, Manuela Barros Guevara, continuou o seu legado.
Aníbal Cota Adán
Do lugar de Guisande, Aníbal Cota Adán destacou como campaneiro durante boa parte do século XX. Faleceu o 18 de agosto de 1997 á idade de 72 anos, deixando unha contribución significativa á vida comunitaria e relixiosa de San Miguel.
Logo de Aníbal, as campás pasaron ás mans de José Camiña Blanco, coñecido como Pepe, do lugar de San Miguel, e posteriormente a mans de Andrés Rivas Arén, tamén do Outeiro. Andrés, ademais de tocar na Igrexa de San Miguel, asumiu responsabilidades na Igrexa de Santa Mariña, especialmente para toques fúnebres e cabodanos, ampliando o seu labor a toda a comunidade de Presqueiras.
Os campaneiros actuais: Andrés Adán Rivas e Elsa Álvarez Iglesias
Na actualidade, a tradición segue viva grazas a Andrés Adán Rivas e a súa muller, Elsa Álvarez Iglesias, ambos vinculados ao lugar de Outeiro. Andrés, afillado de Andrés Rivas Arén, que inclúe unha etapa de mocidade traballando na Sala Paraíso de Forcarei, un antigo salón de baile transformado en discoteca, propiedade da familia de Adelino Pichel Espiña, coñecido como o gaiteiro de Sorribas.
Tanto Andrés como Elsa son os encargados dos toques de campás nas dúas parroquias de Presqueiras, San Miguel e Santa Mariña, aínda que na actualidade só tocan en ocasións relacionadas con difuntos, cabodanos e eventos solemnes. Non realizan toques para as festas dos lugares, marcando un cambio nas prácticas respecto ás xeracións anteriores.
Nota aclaratoria: A información presente neste texto foi recollida grazas á entrevista realizada o sábado, 4 de xaneiro de 2025, aos veciños do lugar do Outeiro, na parroquia de San Miguel de Presqueiras: María Rivas (irmá de Andrés Rivas Arén), Andrés Adán Rivas e Elsa Álvarez Iglesias.