Dorinda Arén Martínez
Dorinda Arén Martínez de Guisande, lugar da parroquia de San Miguel de Presqueiras (Forcarei), naceu o 14 de xaneiro de 1921 e finou o 22 de abril do 2016.
Dorinda Arén Martínez xunto ao seu fillo Amancio Bértolo Arén.
Dorinda Arén Martínez xunto ao seu fillo Amancio Bértolo Arén.
Dorinda Arén Martínez xunto ao seu marido Alfredo Bértolo Pérez e o seu fillo Amancio Bértolo Arén.
Tocadora de pandeireta nas ruadas de Ghisande, compartimos unhas coplas recollidas por Amancio Bértolo Arén, fillo de Dorinda.
Cuando salí de Cuba
ya se iba poniendo el Sol,
una mulata me dijo:
no te marches español.
Cuando paso por tu casa
y te veo en la ventana,
se me alegra el corazón
para toda la semana.
Debajo de tu ventana
tres arbolitos planté,
un olivo y un romero
y un jamás te olvidaré.
Viva el Sol, viva la Luna
viva quien sabe querer,
viva quien en el mundo pasa
pena por una mujer.
Están las calles mojadas
que parece que llovió,
son lágrimas de una niña
por un amor que pedió.
Carretera de Presqueiras
as silveiras botan flores,
por aquelas carreteras
paséanse os meus amores.
Se me vedes por alá
o bandallo do meu home,
decídelle que veña cedo
se non na cama non dorme.
Se queres ter unha moza
vaina buscar a Soutelo,
a miña veume d'alá,
non ten vergonza nin medo.
Chamáchesme churrusqueira
herva co gando non come
vale máis ser churrusqueira
que muller dun mal home.
O cura cando vai fora
déixalle dito a criada:
veña tarde, veña cedo,
déitate na miña cama.
O paxaro cando chove
mete o rabo na silveira,
así fan as boas mozas
cando non hai quen as queira.
Eu aquí non canto máis-e
que se m'acabou a gracia,
a pouquiña que me queda
a levo pra miña casa.
As mociñas desta aldea
gústalle moito bailar,
vinde p'ra xunto de min
que vos enseño a tocar.
Quítate desa ventana,
quítate dela meniña,
rosa que'stá ben gardada
os paxaros nela non pican.
Non te mates por tomantes
que os hai na tomateira,
mátate por ter amores
na parroquia de Presqueiras.
A miña vecina cando vai á leira
leva unha sachiña e toca a muiñeira,
e toca a muiñeira e non sacha nada
a miña veciña está enamorada.
Outeiro é media vila,
Guisande é vila enteira,
Barro está no alto,
tamén lle de a raxeira.
Las estrellitas del cielo
todas llevan su camino,
pero la que a mi me alumbra
esta noche no ha salido.
Por donde quiera que vaya
mi madre tiene una nuera,
muchas más va a tener
como el hijo no le muera.
Date la vuelta guapo
date la vuelta,
que quiero ver la espalda
de tu chaqueta.
Debajo del puente, del puente lavando,
debajo del puente me ha dicho un soldado:
vengo de los toros y vengo con pena
de ver a mi novia que está prisionera.
Dorinda de “Rafaela”, mestra pandeireteira de Ghisande
Con Dorinda, o día da gravación na súa casa, en xaneiro do 2006
Dorinda, setembro 2005. Fotografía: Marcelo Dobode
Dorinda, setembro 2005. Fotografía: Marcelo Dobode
Dorinda Arén Martínez, Dorinda “de Rafaela”. Unha apaixoada da pandeireta, dos cantares, do bailar… da ruada. Unha das nosas.
O día que a coñecimos, benia a teima de Xandre Outeiro por atopar tocadoras na súa/nosa querida Terra de Montes, había trinta e tantos anos que Dorinda non collía unha pandeireta. Os mesmos anos que pasaran desque finara seu home, Alfredo Bértolo. Animada por Amelia Raposeiras, Mari Carmen e outras veciñas, axiña colleu unha pandeireta das que levabamos e tanxeuna, a ver se aínda lle respondía a man como outro tempo. E vaia se lle respondía. Os repeniques e variacións continuas segundo lle pedía o corpo amosaban que estabamos diante dunha verdadeira virtuosa. Amelia botouse a bailar o solto con Marcelo Dobode na mesma rúa, mentres Dorinda ía sacando os cantares do fondo da artesa, gardados pero non esquecidos, e manexando a pandeireta cunha destreza pasmosa. Ao rematar a rolda, rindo a cachón de ver o que alí pasaba despois de tantos anos, exclamou feliz “ai miña naiciña querida… e han decer por aí ‘e Dorinda de Rafaela toleou!!’” (Arén, 2005).
Dorinda Arén nacera no 1921 na aldea de Ghisande (así, con gheada) da parroquia de San Mighel de Presqueiras, onde Forcarei se achega a Beariz pola parte da Xirargha. Sempre lle gustou cantar, coma a seu pai, Manuel Arén, canteiro que de verán ía traballar a comarcas leonesas coma Babia ou L.laciana, de onde tamén traía cantares: “[os cantares] aprendíallos a meu pai en paz descanse, que meu pai cantaba moi ben. E ghustáballe cantar, i-eu ghustábame cantar tamén e como me ghustaba cantar pois eu aprendía” (Arén, 2006).
Tanto lle gustaba, que lle doía que se perdera aquel costume de cantar a xente no cotián da vida da aldea: ”e por que non cantás como cantaba eu? Eu iba apañar no toxo, cantaba; eu lavaba, cantaba; eu cosía, cantaba; eu facía de comer, cantaba… eu cantaba toda a miña vida!” (Arén, 2005).
Pero é que ademais, Dorinda sempre cantara ben. Cousa da que estaba moi orgullosa: “nos meus vint’anos (…) en cantar e beilar non me ghanaba nin dios” (Arén, 2005). E así era que alí onde estivera cantando a xente parábase a escoitala:
Eu iba coas vacas e se cadra sentíanme cantar e cheghaba xente vella, a mirar quen era. (…) E veu unha vez un vello e díxome “ai, e ti de quen es?”. E díxenll’eu “e por que?” (...) “porque eu non sei de quen es ti porque, tan ben como cantas!” (Arén, 2005)
Na súa mocidade, esa paixón polo cantar e o bailar levouna a ser das primeiras á hora de facer a ruada, o baile comunal feito na propia aldea. As mozas eran as responsables de armar a ruada nos meses de inverno, todos os xoves sábados e domingos, nun local que alguén lles cedera. Eses días, de camiño, xa ían a cantar ben alto para que se lles sentira: “viña a hora de ir pró baile e hala, todas por aquí arriba (...) berrando a cantar, como canto eu aghora… sin pandereta e sin nada, pero berrando a cantar” (Arén, 2005).
Unha vez no lugar da ruada, todas as mozas tiñan que cantar e tocar a pandeireta, normalmente de a dúas, para que o resto bailaran. Primeiro a jota, despois a muiñeira e de remate un ou dous agarrados, coma o pasodobre ou o baile do medio, coñecido noutras aldeas achegadas como tarrantantán ou danza. Aínda botaban ás veces unha rareza nesta zona do país, un baile agarrado en roda de parellas, no que a primeira parte é de pasodobre normal, e a segunda cambia a paso de picado de muiñeira, de aí que noutras comarcas se lle chame “muiñeira corrida”, malia en Ghisande documentarmos só o termo xenérico “pasodoble”. Ao rematar eses bailes, outra dúas mozas tiñan que coller as pandeiretas.
Outro elemento que chama a atención é a presenza da lata de pemento, ao xeito das mozas de Beariz ou Avión, que non atopamos noutras aldeas de Forcarei, Cerdedo ou Cotobade. Lembran en Ghisande unha gran tocadora de lata que fora María da Eira, que adoitaba tanxela para a xente cantar na mesa no xantar dos días de festa. Na ruada tamén a empregaban e de feito Dorinda tocábaa de medo, pero entendemos que, ao seren só dúas tocadeiras de cada vez, preferían as pandeiretas, e deixaban a lata para cando aquelas lles rompían, se cadra adrede por causa dalgún mozo incomodado que non quería que houbese ruada: “nós tocábamo-la pandeireta ou a lata. Cando non tiñamos pandeireta tocabamos nunha lata. Puñámo-la lata coas dúas mans trángalan trángala trángalan tran…” (Arén, 2005). Este xeito de tocar a dúas mans fainos pensar que a lata puido ter substituído a outro instrumento moi antigo, o pandeiro cadrado, xa esquecido en Ghisande pero que si puidemos documentar puntualmente noutros lugares da Terra de Montes.
Ao contrario cós homes, as mozas de Ghisande non podían ir á ruada a outras aldeas, e tiñan por forza que tocar e cantar para que houbera baile. Así que, por lóxica, unhas eran mellores tocadoras ca outras e, polo visto, non as había coma Dorinda cando tocaba coa súa compañeira Fina Correa. Así o contaban Amelia e mais Dorinda:
A: Eran as dúas que cantaban de marabilla. Cando tocaban elas bailaba todo o mundo, anque non se tuvera ghanas.
D: Bueno porque daquela miña filla nós cantabamos moi ben e sempre tiñamos alghún mozo que nos axudaba cando ibamos tocar. E daquela os mozos de Afonsín e da Devesa viñan á festa aí á do Americano e estaban todos fóra. E deciamos nós “bueno, vamos arma-la festa, senón non hai festa”. As outras mozas tocaban pero… non tocaban [tan ben]. Colliamos no-las dúas a pandareta… empezaban a entrar os mozos, a entrar, a entrar, a encherse o salón… (Arén, 2005)
Vemos daquela como aqueles homes que viñan de fóra eran coñecidos e tamén axudaban ás de Ghisande a cantar, e seguramente tamén a tocar algunhas veces. Tal foi así que dese lugar de Afonsín, precisamente, fora Alfredo, o cantador que casou con Dorinda.
Outra anécdota moi sonada das ruadas dos tempos de Dorinda e Fina te nque ver coa súa creatividade e capacidade para facer música, non habendo pandeiretas, con calquera cousa. Neste caso, coa mesma caravilla da porta do baile:
E dixemos bueno hoxe, se non temos pandeiretas… e os mozos están esperando á porta pra entrar-e e non temo-las pandeiretas, malia a quen nolas rompeu… E dixo Fina (...) “mala centella, vamos fóra, vamos coller cadansúa pedra…” e a caravilla era de ferro… e collemos dúas pedras e puxémonos na porta a tocar e armámoslle a cántegha:
Esta si que che vai torta,
Esta si que che vai torta,
aghora qu’estou tocando
na caravilla da porta
(ri) Hala aí, veña pa diante!! Os mozos a entrar polo tocar da pandeireta, pero era a caravilla da porta! (ri). (Arén, 2005)
E así con ledicia e imaxinación levaron adiante, tal como fixeran as súas devanceiras, a ruada de Ghisande ata o alborexar dos anos cincuenta, logo de que que Dorinda e Fina casaran e non houbera mozas novas que as relevaran.
Á espera dun estudo máis completo do patrimonio que elas nos cederon, queremos aportar aquí algunhas das músicas que nos cantou e tocou a mestra Dorinda na tranquilidade da súa casa, en Xaneiro do 2006. Vala como aportación a este interesante repositorio virtual arredor das músicas da Terra de Montes, iniciativa do noso amigo Rubén Troitiño.
Viva sempre Dorinda de Rafaela, e que non paren os cantares da ruada de Ghisande.
Viva a ruada, qu’é nosa,
Viva a ruada, qu’é nosa
vivan os da miña terra,
miña cariña de rosa
Entrevistas:
Entrevista a Dorinda Arén Martínez “de Rafaela” (Ghisande, 1921-2016), Amelia Raposeiras Álvarez e outras veciñas, o 11 de setembro de 2005. Arquivo O Tear de Llerena.
Entrevista a Dorinda Arén Martínez “de Rafaela” (Ghisande, 1921-2016), outubro de 2006. Arquivo O Tear de Llerena.
VÍDEOS
Gravado en Ghisande (San Mighel de Presqueiras-Forcarei) por Xandre Outeiro e Guillerme Ignacio o 8 de xaneiro do 2006.
Arquivo: O Tear de Llerena.
Edición: Guillerme Ignacio / Rubén Troitiño