Libertad Álvarez Álvarez

Libertad Álvarez Álvarez naceu o 8 de xullo de 1928 no lugar de Morgade, parroquia de San Miguel, Presqueiras. Toda a súa vida estivo marcada pola música, o baile e o traballo no campo. Xa de idade avanzada e sen ter casado nunca, a historia de Libertad representa o papel que tiveron as mulleres na conservación e transmisión das tradicións musicais e culturais da súa comunidade.

As ruadas eran unha parte esencial da vida social na súa xuventude, especialmente nas fins de semana. Estas reunións celebrábanse, según lembra ela, no lugar de Riazón, dentro da mesma parroquia, e nelas participaban mulleres da zona que cantaban, bailaban e tocaban a pandeireta. Entre as compañeiras de ruada que Libertad lembra atópanse Dorinda Arén Martínez de Guisande, coñecida como “Dorinda de Rafaela”, Adoración e súa irmá Josefina Correa, aínda que outras compañeiras e coplas quedáronse no esquecemento co paso do tempo.

Os bailes que se interpretaban incluían "jotas", muiñeiras e agarrados como o "pasodoble". Estes eventos non só atraían á veciñanza da parroquia, senón tamén a mozos das zonas próximas, como Soutelo de Montes, Pardesoa e Folgoso, que cruzaban o río para unirse á festa.

Ademais da música popular, Libertad tamén participaba nos cantos das misas. A pesar de que hoxe a súa memoria é menos precisa, e a súa habilidade para tocar a pandeireta xa non é a de antes, mantén un vínculo especial con este instrumento, que formou parte fundamental da súa vida musical.

Libertad Álvarez Álvarez - 03/01/25

Libertad Álvarez Álvarez - 03/01/25

Libertad Álvarez Álvarez - 03/01/25

Como moitas mulleres da súa xeración, compaxinou esta paixón pola música coas esixencias do traballo no campo. A súa vida foi unha mestura de esforzo diario e momentos de celebración comunitaria, que permitían fortalecer os lazos sociais e manter vivas as tradicións locais.

A desaparición progresiva das ruadas e doutras formas de vida comunitaria está ligada ao despoboamento das aldeas, unha realidade que Libertad viviu de cerca. O éxodo rural deixou baleiros moitos pobos como Morgade e dificultou a transmisión destas tradicións ás novas xeracións.

A pesar dos cambios e das perdas, a memoria de Libertad Álvarez Álvarez continúa sendo unha testemuña valiosa do papel das ruadas na vida social e musical da parroquia de San Miguel e da comarca de Presqueiras.

Artigos relacionados