Os bailes
Cerdedo
A música e o baile foron sempre elementos esenciais da identidade cultural da Terra de Montes. En Cerdedo, ao longo do século XX, os salóns de baile, as festas e as reunións sociais xiraban arredor da música, servindo como espazos de encontro e celebración. Hoxe, grazas ao testemuño de Francisco Elías Bugallo García, un veciño de Cerdedo nado en 1933, podemos reconstruír parte desa memoria musical que encheu as rúas e as casas do pobo.
Elías Bugallo é unha figura moi coñecida e querida en Cerdedo. Ao longo da súa vida desenvolveu unha intensa actividade empresarial e comercial. Xunto co seu irmán, rexentou a Panadería da Estrella. Posteriormente, cada un seguiu o seu camiño: mentres que Tena continuou coa panadería, Elías fundou unha embotelladora de gaseosas: Gaseosas Elías Bugallo. Ademais, foi recolledor de leite nas aldeas, vendéndollo a Quesos Prieto, e tamén distribuidor de bebidas, primeiro de San Miguel e logo de Estrella Galicia. O seu negocio evolucionou, chegando a contar con dous camións de reparto e un almacén que, aínda hoxe, segue en funcionamento. Máis adiante, coa súa familia, abriu a Ferretería El Hogar, que logo trasladaron a outro local, combinando a venda de ferraxes con pensos para gando. Toda esta traxectoria converte a Elías Bugallo nunha testemuña excepcional da historia recente de Cerdedo, incluíndo a súa tradición musical.
A pesar de ter 91 anos conserva toda a súa enerxía e memoria, algo que lle permite rememorar con asombrosa claridade e detalle as historias e vivencias do Cerdedo do seu tempo. A súa mente, lúcida e áxil, é testemuña dunha época pasada que hoxe revive grazas ao seu testemuño, facendo que, para Elías, os recordos de Cerdedo parezan estar tan próximos como se foran de onte.
Os espazos do baile en Cerdedo
Antes da aparición dos grandes salóns de festas, como a Sala Avenida (coñecida tamén como Salón de Cerdedo, activa desde mediados dos anos 50 ata os anos 80), o baile xa formaba parte esencial da vida social en diversos espazos privados.
Un dos lugares máis importantes era unha casa situada ao lado da igrexa parroquial de San Xoán de Cerdedo, pegada á carnicería do músico Alejandro Lavandeira Medal, coñecido como Monso. Esta casa pertencía a Paco Nieto, quen a mercara á farmacéutica Doña Elena. Alí realizábanse bailes, aínda que non era Paco Nieto quen os organizaba, senón Manuel Cadavid Rey ou o seu irmán José Cadavid Rey. Non só se celebraban bailes, senón tamén proxeccións de cine mudo e sonoro. Durante o cine mudo, un home de Dorna encargábase de narrar as escenas e contextualizar a historia para os asistentes.
Un aspecto peculiar deste espazo foi que, segundo Elías, para acender a luz no salón de baile usaban un motor e manivela para cargar unhas baterías, que logo fornecían de luz ao local durante as festas e proxeccións. Este tipo de solución mecánica era habitual en épocas nas que a electricidade non estaba tan extendida nas zonas rurais, e aportaba ese toque de irmandade e colaboración comunitaria que caracterizaba as festas de entón.
Ademais desta casa, existiron outros lugares en Cerdedo onde se celebraban bailes:
A casa coñecida como da Habanera, situada ao comezo da vila. Este edificio foi derrubado durante as obras da estrada.
A propiedade do músico Fernando Agustín Torres Troitiño, nado en 1914 e intérprete de fliscorno na banda de música local. Casado con Peregrina Bugallo Beiro, Peregrina de Sabino, emigrou posteriormente a Arxentina, onde faleceu.
Os bailes celebrábanse principalmente os sábados e durante as festas patronais, como o Ecce-Homo de inverno, que aínda hoxe se conmemora.
Os músicos e as orquestras
A música en directo era a gran protagonista destes encontros. En Cerdedo houbo músicos destacados que, cos seus instrumentos, animaban as festas e marcaban o ritmo do baile.
Entre eles sobresaía o acordeonista Agustín Iglesias Lubiáns, coñecido como Chispanegra, nado en 1923 en San Martiño de Firgueroa. A súa música facía bailar á xente ata ben entrada a noite. Faleceu en 1983 no lugar de Castro, pero o seu legado permanece na memoria dos veciños.
Outro nome fundamental foi o de Lealdino Fernández Nieto e o seu irmán Serafín Fernández Nieto, integrantes da Orquesta Serrapio e Bugarín.