Agustín Iglesias Lubiáns
Chispaneghra
Agustín Iglesias Lubiáns, naceu en San Martiño (Firgueroa) o día 12 de maio do ano 1923 e finou o 19 de maio de 1983 no lugar de Castro, máis coñecido coma Chispaneghra. Casou con Carmen Limeres Zapatero e tiveron un total de seis fillos: Clara, Ángel, Severino, José Manuel, Félix e Fernando. Destacar que o irmán da muller, Bernardino Limeres Zapatero, e seu pai Bernardino Limeres Vidal tamén tocaron o acordeón.
Agustín foi un acordeonista moi afamado na zona de Cerdedo, nos seus anos mozos tocou o acordeón diatónico pero co paso dos anos pasouse ao acordeón cromático de piano. Os seus fillos Ángel Iglesias Limeres, Lito e Severino Iglesias Limeres chegaron a tocar con el, facendo acompañamento coa batería. Destacar que Lito tamén tocou o acordeón, aínda que ía con el nunca chegaron a facer dúo de acordeóns, cando Ángel o tocaba Agustín descansaba.
Polo que conta Lito, o seu pai foi aprender algo de música a outro músico de Vilar que non recorda o nome para "explicarlle o compás", seica era un home con moi bo oido. O primeiro acordeón que tivo mercouno en Cerdedo grazas aos ferrados que ía recollendo de maíz aos veciños da zona, xa que Agustín foi sancristán do cura Don Manuel.
Como curiosidade, o alcume foi posto por un acordeonista de Marín que estaba contratado para tocar nun casamento. Ao ver que este non chegaba foron chamar a Agustín para amenizar o baile e cando el chegou ao velo facendo a festa foi a palabra que dixo: Chispaneghra!
Agustín ao acordeón xunto a seu fillo Félix á batería.
Agustín ao acordeón xunto a seu fillo Ángel á batería.
Ángel Igleias á esqueda de todo, ao acordeón o seu irmán Severino.
Ángel Iglesias Limeres ao acordeón xunto co seu pai Agustín, home da camisa branca no palco da música en Filgueira.
Agustín, abaixo á dereita.
Prato da batería.