Alalá - Televisión de Galicia
Forcarei

Alalá é unha viaxe pola esencia da música tradicional galega, explorando as súas raíces no mundo rural e o seu papel na transmisión cultural. O programa retrata músicos, asociacións e colectivos que manteñen viva esta herdanza, documentando tanto as interpretacións musicais como o contexto social e histórico que as rodea. 

Desde as aldeas ata a emigración,  amosa como a música galega foi conservada, reinventada e levada a novos escenarios, asegurando a súa continuidade a través do traballo de folcloristas e musicólogos. 

Aquí poderás descubrir melodías ancestrais da zona, preservadas grazas á recolleita e estudo de pezas tradicionais que forman parte do noso patrimonio cultural.

No apartado Publicacións relacionadas están dispoñibles todas as gravacións do programa Alalá, incluíndo os episodios dedicados á comarca de Terra de Montes.

Ramiro Cortizo Taboada - O capador de Muras

Programa Alalá, da Televisión de Galicia, adicado Ramiro Cortizo, o capador de Muras.
Data de emisión: 22 de decembro de 2009 na Televisión de Galicia

Decir só do capador de Muras que ten corte de capador non é exacto. Ramiro é bonachón e ledo. Ten sesgo de gaiteiro, e dado a súa profesión é festeiro. Un curioso cócktail, o do capador de Muras, que se complementa co carácter aberto que lle deu a experiencia do oficio, porque capando casa por casa coñeceu a multitude de xente e historias nos lugares de Forcarei e Silleda, polas parroquias dos Montes.

Ramiro Cortizo naceu en Muras, de familia de capadores, aínda que con él a estirpe tivo un parón. Dos sete fillos que tivo, ningún saiu gaiteiro nin capador, unha pena, porque Ramiro é un excelente mestre nos dous oficios. O capador domina as artes gandeiras, agrarias e sociais. As ruadas das zonas son desas artes sociais nas que de mozo un se tiña que desenvolver, con canta máis soltura, mellor, porque nesas festas de inverno eran as mulleres as que levaban a voz cantante a ritmo de pandeireta. En moitas ruadas da zona, Ramiro era o gaiteiro oficial pagado a escote polo público feminino. Alí tocaba en pechado e cantaba en aberto, que as mulleres o oísen ben, pero sobretodo unha: a que o acompañou toda a vida, Sara.

Os diplomáticos do acordeón

Programa Alalá, da Televisión de Galicia, adicado ao grupo Os diplomáticos do acordeón.
Data de emisión: 4 de abril de 2006 na Televisión de Galicia

Hoxe estamos co grupo Os diplomáticos do acordeón, unha desas agrupacións marabillosas ás que paga a pena coñecer. Formado por oito homes, oito veteranos para os que a música, mais ca un entretemento, é case un xeito de entender a vida.

Todos pertencen á Terra de Montes, desde Soutelo ata Forcarei pasando por Cachafeiro, unha comarca famosa a principios do século vinte polos gradísimos gaiteiros que lle deron fama. Pero houbo outra época, a partir dos corenta, na que as gaitas deron paso ós acordeóns, anos nos que os salóns de baile se fixeron moi populares e nos que xa se bailan outros ritmos.

Neses salóns de baile “criáronse” varios membros dos Diplomáticos que, desde moi pequeniños, tiveron a obriga de aprender a tocar un instrumento para axudar na economía familiar. Entre eles os irmáns Alberte Fírvida, bisobriños do popular Avelino Cachafeiro, que chegaron a formar un orquestra completa que tocaba no salón de baile da familia, o “Changüí”.

Tamén Moncho aprendeu a tocar o acordeón porque seu pai era o dono do “Paraíso”, un salón de Forcarei que agora lle pertence a el. Un caso semellante é o de Paco Cachafeiro, tamén ligado ó mundo do acordeón e dos salóns de baile.

No Alalá desta semana coñecéremolos a eles e ó resto dos Diplomáticos: a Jesús, un reloxeiro xubilado que, ademais de dar clase, colecciona acordeóns, de feito, xa ten mais de 130 instrumentos; a Toño, un amante da música dos sesenta que desfruta tanto da guitarra eléctrica como do acordeón; e a Joaquín, o vocalista, que canta coa mesma paixón un bolero ca unha muiñeira.

Enlace: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/os-diplomaticos-do-acordeon

Artigos relacionados