Banda de gaitas de Forcarei
Arrolados polo bater das follas dos carballos na Terra de Montes, polo son das fervenzas en inverno e o repenicar da choiva na pedra, nace no 2006 a Banda de Gaitas de Forcarei, sempre da man amiga e impulsora de David Raposeiras Correa e o concelleiro Javier Álvarez Bértolo; que se deixaron inspirar pola terra dos gaiteiros para crear esta formación, que tería como eixo principal a lembranza da figura de Avelino Cachafeiro, “ O gaiteiro de Soutelo”.
Actualmente conta con case 50 músicos que veñen da Escola da Banda, unha canteira en continuo crecemento.
A personalidade camaleónica e aberta da Banda fan que o seu repertorio esté sempre actualizado con reinterpretacións da música tradicional e popular galega, incluíndo formacións musicais orixinais e arranxos de recoñecidos compositores. A Banda de Gaitas de Forcarei fai extensible no tempo o legado musical dos Gaiteiros de Soutelo, outorgándolle á Muiñeira de Chantada o lugar privilexiado que merece dentro dos seus programas musicais. Ademáis, dentro das súas labores de conservación do patrimonio do seu entorno, organiza unha homenaxe anual a unha figura significativa da zona, enmarcado dentro do seu propio festival de música de primavera.
Cabe destacar que participou na 43º Edición do Festival Intercéltico de Lorient no ano 2013, un referente máxico e internacional, e nese mesmo ano no Mercatino di Natale dei Popoli no pobo italiano de Rovereto. Realizou numerosas actuacións pola península, Santander, Granollers, Madrid e Portugal. Pechou a derradeira noite da 31º Edición do Festival Celta de Ortigueira levando a un público moi heteroxéneo o seu sentimento, as súas muiñeiras e o seu bo facer . Foi invitada polas Bandas mais prestixiosas da nosa comunidade: Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela concerto de Nadal no Auditorio de Galicia e Praza da Quintana, Banda Municipal da Coruña nas festas de María Pita, Municipal de Pontevedra no Concerto das Letras Galegas, Unión Musical de Meaño, Banda de Música de Silleda...
No ano 2019 participou xunto coa Banda de Música de Silleda no “Compostela Trad Fest” estreando o espectáculo “Os Camiños de Breogán” na praza da Quintana. Ese mesmo ano foi seleccionada para participar no Concerto de Apertura do 49º Festival Intercéltico de Lorient, Edición adicada a Galicia, no Gran Teatro de Lorient acadando un notable éxito do público.
Actuou con numerosos artistas do noso país como Begoña Lorenzo, Uxía Senlle, Davide Salvado, Anxo Lorenzo, Abraham Cupeiro, José Manuel López “Josele”, Pablo Seoane, Silvia Ferré, Icía Varela entre outros...
Actualmente está dirixida polos mestres: Manuel Otero Rodríguez, José Antonio Vidueiros Sánchez e Juan Manuel Vidueiros Sánchez.