Severino Vidal Beiro
Severino Vidal Beiro, nado en Cerdedo o 20 de febreiro de 1869, foi un músico que tocou o bombo e os pratos nas bandas de Campio García e Constantino Paz, e probablemente alternando con Manuel Sieiro. A súa actividade musical foi dilatada no tempo, e mesmo chegou a ensaiar e actuar durante bastantes anos coa banda de Francisco Cerdeira Gil. Contan que non sabía moito solfexo, e que evadía a responsabilidade de ter que dar o golpe de aviso co bombo no compás axeitado.
Non era un home excesivamente agraciado fisicamente e, por riba, un pouco descoidado no vestir, e acudía a moitas actuacións co traxe moi enrugado ou sen barbear. Contan tamén unha anécdota na que, durante un xantar, un paisano non deixaba de incomodar aos músicos pedindo continuamente música, e Severino levantouse dentre o grupo dos músicos e puxo a tocar enriba del con vigor e sen parar de berrarlle.
Severino casou tres veces, tendo fillos en cada unha delas. Con Peregrina Beiro Paz, irmá dos músicos Beiro Paz, tivo dous fillos, Antonio e Carmen. Casou en segundas nupcias con Vicenta, irmá da súa anterior muller, e casou aínda unha terceira vez con Dolores Gamallo Obelleiro, con quen tivo varios fillos, dos que polo menos dous chegaron a ser músicos: Constantino e Manuel.