O val de Quireza
Carlos Amable Baliñas Fernández
Publicación aprobada para a súa difusión.
Título: O val de Quireza - Un recanto da provincia de Pontevedra
Coordinador: Carlos Amable Baliñas Fernández
Dirección: Miguel Pereiraa Figueroa
Sección publicacións: Ana Vicente Rivas
Revisión lingüística: Irene Acuña Paz
Da edición: Editorial. Deputación de Pontevedra
Do texto: Os autores
Das imaxes: Carlos Amable Baliñas Fernández
Deseño cuberta: Comunicación Institucional. Deputación de Pontevedra
Impreso en: Gráficas Salnés, S.L.
ISBN: 978-84-8457-435-4
Depósito legal: PO 339-2015
Impresión: Publicep Libros Digitales, S.L.
As igrexas parroquiais
SAN TOMÉ DE QUIREZA
Melloras recentes. O campanario.
A igrexa ten una fermosa torre con dúas campás. Na segunda metade do século XX o xugo estaba moi deteriorado, as rellas de madeira xa carecían de protección lateral, posiblemente polos efectos do óxido, o que provocaba que a campá marchara para os lados cando era tocada. Polo cal fíxose un xugo de madeira para a campá grande, foi donativo de Remigio Baliñas, que traballaba na cepilladora de José Obelleiro. Unha das campás fendera. Para a súa rehabilitación fundíronse varias campás pequenas, procedentes de capelas, nun taller de Caldas de Reis.
Xesús Antonio Gulías Lamas
SAN LOURENZO DE SABUCEDO
No caso do acontecemento festivo da rapa das bestas son as campás as que rompen o sono e tamén os soños, xa case tan ledos como a realidade do tempo festivo que acaba de chegar. Antes de que raie o sol do primeiro sábado do mes de xullo as campás chaman a todos á ritual consagración deste tempo festivo, no que os homes a animais van estar baixo a protección especial do padroeiro S. Lourenzo, padroeiro dos seus fregueses e das súas bestas, as bestas "do santo". Porén, por primeira vez no ano 2011 adiantouse o comezo da festa da rapa, é dicir, o día da baixa, ao venres, día 1 do mes de xullo.
Sabemos dunhas primeiras campás da igrexa de Sabucedo feitas a comezos do século XVIII en Cambados, xa que se fala nos libros parroquiais no ano 1718 de 200 reais entregados a José Bustillo Castellano "para la echura de las campanas", cantidade á que se engadiron 150 reais e algúns reais máis despois. Además disto, páganse tamén seis reais "a Pedro de Campos, quien fue a Cambados a saber del maestro de las campanas si tenía la obra hecha" (A30). Non podemos saber como tranxerían ou soarían estas campás, xa que a campá actualmáis antiga é a actual pequena, que ten data do ano 1799. E dicimos a pequena actual pois esta mesma, cando se construíu no mesmo final do século XVIII, realizou funcións de campá "maior" da igrexa ata que se fixo no ano 1890 a actual campá grande.
Desta campá pequena actual dise en 1799 que custou a súa construción 2238 reais. Ainda se pode ler nela na actualidade, debaixo das letras rituais "Jesús, María, José", a seguinte acta de nacemento e destino da campá: "S[AN], LOR[ENZO] DE SABUCEDO. 1799. HICIER[ON]SE S[IEN]DO ABAD EL S[EÑO]R D[O] JOSEF VILLA MARINO VERMUD[E]Z".
Ata comezos do século XX a igrexa non tiña torre, senón espadana. UNha das últimas novas que temos desta, antes do seu derrubamento por un raio, é a do ano 1875, cando se fala de que é "ratificada" a espadana por canteiros e albaneis. O feito é que cara ao ano 1885 se fala dunha "chispa que arruinó la espadaña", que ao caer enriba do adro derrubou tamén parte do muro do adro, que foi logo reconstruído polo canteiro Juan Manuel Obelleiro. A espadana derrubada debeu permanecer bastante tempo nesta lamentable situación, dado que o párroco, Casimiro Lois, escribe aínda no ano 1897: "Una de las necesidades que hay en esta Iglesia es la de restaurar la espadaña derribada por una chispa eléctrica hace ya unos doce años, a cuyo fin se están haciendo las economías posibles".
Coa caída da espadana romepu tamén unha das campás (a pequena de entón, que -segundo indiquei- tiña a data de nacemento no ano 1718) e por iso no ano 1890 vaise facer outra campá, a grande actual, encol da que hai constancia do que se pagou por ela nun primeiro prazo: 353 reais. A inscrición desta campá reza: "AÑO DE 1890, JESUS, M[aría] Y JOSÉ. FUNDIDA POR J. LISTE EN ORAZO".
Manuel Cabada Castro (Vigo)
SANTA BAIA DE CASTRO
A igrexa ten una fermosa torre con dúas campás. Na segunda metade do século XX o xugo estaba moi deteriorado, as rellas de madeira xa carecían de protección lateral, posiblemente polos efectos do óxido, o que provocaba que a campá marchara para os lados cando era tocada. Polo cal fíxose un xugo de madeira para a campá grande, foi donativo de Remigio Baliñas, que traballaba na cepilladora de José Obelleiro. Unha das campás fendera. Para a súa rehabilitación fundíronse varias campás pequenas, procedentes de capelas, nun taller de Caldas de Reis.
Xesús Antonio Gulías Lamas
Patrimonio inmaterial
A VELLA QUIREZA NA MEMORIA DE ELISEA DE FONDÓS
A troita
Seica no río que separa Fondós do Meixoeiro había unha troita que pesaba uns 4 ferrados (1 ferrado equivale a 18 kg). Foron moitos os que andaron detrás dela pero ningún conseguiu pescala. Finalmente fórona pillar na ría de Arousa.
E esta historia tiña trampa. A Troita era o alcume dunha muller que tiña a casa á beira do río e que casou en Vilagarcía. A graza estaba en contar a historia, pasar por esaxerado e finalmente defacer o malentendido.
Incluímos neste apartado tamén unha escolma das numerosas cantigas que, ao ritmo de pandeireta, se cantaban nas "rúas" e nas xuntanzas festivais coa finalidade de pasar o tempo e botar unhas risas. Son típicos os piques entre aldeas e as referencias a persoas concretas.
En Fondós son todas costureiras
de Bugarín carapucheiras
botádevos a traballar
fato de camanduleiras.
En Cuíña non hai mozas
en Mámoa Alba gana delas
en Vilarchán chamuscadas
en Fondós son coma velas.
Eu para Castro hei de ir
aínda que me poñan cancelas,
aínda que che son pequeniñas
paso por riba delas.
Este lugar de Fondós
ao lonxe parece vila,
se non fosen os outeiros
de onde a casa de Ponfilia.
El que quiera formar barco
en Castro hay la bandera
Soledad la capitana
e Idalia la coronela,
la que recorre todo el barco
es la señora Manuela / Lionela (variante)
Me voy a castro
sólo por ver la Merencia
porque es la hija del cura
una buena comenencia.
Home de Castro
can de Deán
muller de Filgueira
e vaca de Piñeiro,
arrenego dela
coma do demo.
Non te cases en Fondós
que é terra de moito frío
e aos tres meses de casada
irás por leña aínda que xíe.
As mociñas de Quireza
non é unha que son todas,
poñen tres pares de medias
para facer as pernas gordas.
Para Castro vou correndo
para Bugarín andando
para o lugar de Fondós
colle a roca e ben fiando.
Nadal
A festa do Nadal mudou moito dende que recorda a informante: non se estilaban os mariscos nin os agasallos. A cea típica de Noiteboa, que aínda se segue conservando na súa casa, era o bacallau e os agasallos que tiñan os nenos eran o que a xente lles daba canta ían cantando polas portas:
Del cielo venimos
bolsillos traemos
dinero pedimos
y si no hay dinero
vengan longaízas
que es lo que se usa
en toda Galicia.
Normalmente ían de casa en casa (excepto polas que tiveran defunto ese ano, pois coidaban que ao estarn de loito non terían gañas de música) en grupos de varios nenos, tocaban a pandeireta e cantaban panxoliñas. Ao final engadían a copla anterior. Igual acontecía no Entroido, a xente adoitaba ser máis xenerosa cos coñecidos e cos da aldea.
As rúas
As rúas organizábanse despois de rematar os traballos nos que se xuntaban as mulleres (sobre todo mozas) para facelos máis levadíos: mallar o centeo, esfollar o millo, espadelar o liño... Normalmente tiñasn lugar nunha corte ou alpendre amplo, no que se ían xuntando mulleres e homes en idade de mocear (tamén algúns vellos con ganas de troula e recente casados), que ao son do pandeiro e pandeireta buscaban a diversión no baile. Tocábanse e bailábanse peas tradicionais, como as xotas e muiñeiras, pero tamén tivo moito éxiso un baile de importación, o pasodobre, que ao ser agarrado daba a oportunidade aos mozos de achegarse ás mozas e facerlles as beiras.
Estas festas, que tanta popularidade acadaron na parroquia, suspendíanse na Coresma, xa que a abstinencia non afectaba soamente á comida, senón tamén á diversión:
Adeus Martes de Entroido
adeus meu queridiño,
adeus mes ruadeiro,
ata Domingo de Pascua
non toco máis o pandeiro.
Non é posible determinar a data na que comezaron as ruadas, porque ao nacer espontáneamente e sen maior transcendencia que a de pasar unha boa noite, despois dunha longa e dura xornada, non existen datos escritos, pero a cousa vén de ben vello, máis ca dos avós dos nosos avós. O que si se pode fixar é a súa desaparición cara ao ano 1936, por moir da Guerra Civil e posterior ditadura, aínda que é ben certo que cos cambios sociais, económicos e tecnolóxicos producirdos nas últimas décadas non terían moito máis futuro.
Asunción Álvarez Touriño
A xente. A vida cotiá.
AS DIVERSIÓNS
O salón de baile
Estivo instalado na casa grande que hai no Outeiro, na estrada, cunha magrínfica fachada de estilo barroco modernista que foi construída para Severino Gómez Villar polas irmáns García Ventín (Luciano, Benxamín e Eduardo), ocupándose Luciano da carpintería e Benxamín e Eduardo da cantería.
Anos despois Severino Gómez alúgalle o establecemento ao seu cuñado Roberto Blanco Garrido que abriu un salón de baile con bar, de moita sona en toda a comarca.
O salón de baile foi unha novidade dos anos corenta e cincuenta. As sesións empezaban ás seis da tarde e remataban ás dez da noite.
O establecemento tamén serviu de casa de comidas. Manolo foi o que lle deu fama ao prato da famosa "galiña ao sal" e a carne con unto. A "galiña ao sal" segue sendo un dos pratos gastronómicos da parroquia.
No saón dese establecemento fixéronse moitos banquetes de vodas, bautizos e demáis acontecementos sociais. Relátanos Manolo que o prezo do prato na época era de 300 pesetas.
Nos primeiros tempos do negocio non tiñan louza nin manteis suficientes para tantos comensais e alugoulle a louza a Felisa, de Cerdedo. Máis tarde foina comprando, xuntando servizos para dar cabida ata duascentas persoas.
Manolo, bo troiteiro e cazador, preparaba os trofeos de caza e pesca no bar. Conta que nalgunha ocasión, canda Vicente Fernández, ten pescada 12 quilos de troitas cada un, percorrendo o río dende Serrapio ata a ponte de Vichocuntín.
Para inaugurar e despedir a tempada de caza era habitual facer no local unha coellada, xuntándose os da cuadrilla habitual: Aurelio Barros, José Chamadoira, Vicente Fernández, Manolo Obelleiro, Cecilio Iglesias e algúns máis.
Para facérmonos unha idea do nivel de vida dos anos sesenta, fainos Manolo unha radiografía: o quilo de carne custaba 30 pesos e o molete de pan de quilo, 12 pesetas. Naqueles tempos unha comida obreira, consistente nunha xerra de viño, pan, unha costeleta con patacas, café e copa, varían 15 pesetas.
Os sábados e domingos á tardiña os homes de toda a parroquia reuníanse arredor dunha baralla ou dominó, xuntándose ás veces máis de trinta persoas xogando.
O salón cumpriu tamén ás veces de salón de peiteado. Serafín Fernandez Nieto, de Bugarín, exerceu aquí como barbeiro durante moitos anos.
En Quireza non houbo cine fixo. De cando en vez chegaba un cine ambulante, que viña da Estrada, establecéndose no salón de Manolo. A entrada custaba 50 pesetas para dultos e 25 pesetas para nenos. Facían un corte na metade da película para rifar unha botella de coñac, que valí 36 pesetas da época.
As campás
O campanario de Quireza está colocado nun alto privilexiado e as campás oíanse perfectamente en Sabucedo. En dita parroquia cando se quería interromper a alguén que falaba demasiado, dicíaselle: "Cala dunha vez, que pareces a campá de Quireza".
Os "toques a morte" duraban dende o falecemento ata o enterro. Eran distintos segundo o falecido fose home ou muller. A linguaxe das campás era moi indicativa do que pasaba nas aldeas e requiría certa especialización. Na miña época, o oficio de "campaneiro" era desempeñado por unha muller.
Tamén a principios dos anos corenta había o "toque a trono" cando existía a ameaza de tormenta. Os rapaces diciamos que, mentres tocaba, o cura ía dicindo, ao compás, a frase: "tente-trono-tente en ti / que Dios manda máis ca ti". O repique repentino das campás era sinal de alarma; o máis frecuente deles, o "repique a lume".
Carlos de Blas Armada (Madrid)