Alalá - Televisión de Galicia
Cerdedo
Alalá é unha viaxe pola esencia da música tradicional galega, explorando as súas raíces no mundo rural e o seu papel na transmisión cultural. O programa retrata músicos, asociacións e colectivos que manteñen viva esta herdanza, documentando tanto as interpretacións musicais como o contexto social e histórico que as rodea.
Desde as aldeas ata a emigración, amosa como a música galega foi conservada, reinventada e levada a novos escenarios, asegurando a súa continuidade a través do traballo de folcloristas e musicólogos.
Aquí poderás descubrir melodías ancestrais da zona, preservadas grazas á recolleita e estudo de pezas tradicionais que forman parte do noso patrimonio cultural.
No apartado Publicacións relacionadas están dispoñibles todas as gravacións do programa Alalá, incluíndo os episodios dedicados á comarca de Terra de Montes.
Pandeireteiras de Barro de Arén
Programa Alalá, da Televisión de Galicia, adicado ás pandeireteiras de Barro de Arén.
Data de emisión: 6 de xuño de 2006 na Televisión de Galicia
Achegámonos ó concello de Cerdedo para coñecer ás Pandereteiras de Barro de Arén. Foi o propio grupo, durante a gravación dun programa en Soutelo de Montes, o que convidou ó equipo de Alalá a se achegaren ata a súa aldea, Barro de Arén.
O programa aceptou a invitación e descubriu un fermoso lugar no que antes apenas chegaban as leiras para todos os veciños mentres que agora sobran porque só viven unhas oito familias. Iso si, todos eles saben cantar e bailar. Por iso hai uns anos comezaron a chegar rapaces e rapazas interesados en recoller o repertorio tradicional desta zona da comarca flanqueada polas cotas da Serra do Seixo.
Grupos como Treixadura, O tear de Llerena ou Donicelas, teñen no seu repertorio pezas e coplas que saíron de Barro de Arén. Co fin de recompilar esas pezas, os veciños comezaron a xuntarse de novo, recuperaron as pandeiretas que levaban anos abandonadas e volveron a cantar e a bailar como cando eran novos. A memoria prodixiosa de Gurmesinda e de Manuela garda un arquivo inesgotable de letras e melodías. De feito no primeiro disco que acaban de editar, “Cerdediño p’rós amores” conten un total de trinta temas e, segundo elas, aínda teñen motísimos mais por gravar.
Unha desas pezas é o popular “Arrieiro” que Manuela aprendeu de seu pai cando era nena e que esta muller, que ademais compón, canta coma ninguén. No grupo contan tamén coa voz e co talento de Xosé, que despois de percorrer case toda España por cuestións de traballo, volveu a Barro coa súa muller, Alsira, onde agora, xa xubilado, canta e tamén escribe cancións. Por suposto, el non foi o único que percorreu mundo, outras pandereiteiras como María, Felicitas, ou Lola estiveron tamén en Suiza, Barcelona e Francia. A emigración marcou a vida desta aldea na que apenas hai xente nova xa que os fillos de maioría destas familias están espallados polo mundo, desde Pontevedra ata Canarias, Madrid ou Andorra.
Pero ademais de falar de todo isto comprobaremos que os veciños de Barro de Arén non precisan máis que xuntarse para facer festa e en canto soa a pandeireta saen todos a bailar. Sobre todo Delmira, unha muller incrible que con 91 anos segue ensínandolle ós máis novos como se baila unha muiñeira ou unha jota.
Enlace orixinal: Alalá nº 16 “Pandereteiras de Barro de Arén”
Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo
Programa Alalá, da Televisión de Galicia, adicado aos Abrentes de Cerdedo
Data de emisión: 21 de abril do 2009 na Televisión de Galicia
Os Abrentes de Cerdedo son os herdeiros dunha inmensa fortuna: a enorme tradición musical que ten a comarca de Terra de Montes. Unha zona na que houbo gaiteiros ilustres, como os gaiteiros de Soutelo; acordeonistas de sona; tres bandas de música a un tempo e pandereteiras en cada parroquia.
Cada un dos Abrentes foi recollendo o saber de todos estes mestres para condensalo ás veces como grupo de gaitas e outras como charanga. E están encantadísimos de ser os continuadores na transmisión de todo este tesouro musical. As pandereteiras de Barro de Arén, Jesús Campos o dos Diplomáticos do Acordeón, ou o coñecido gaiteiro e artesán Bartolo son algúns dos mestres destes oito músicos dos Abrentes. Músicos entre os que hai un pai e un fillo, ou dous irmáns.
Están convencidos de que a música une ás xeracións e como xa a tiñan na casa só tiveron que darse conta do importante que era. E grazas a eles, segue habendo festa en Cerdedo. Algo ó que os veciños estaban moi afeitos, pero que nos últimos anos foi indo a menos porque a xente marchou de alí en busca de traballo.
Enlace orixinal: Alalá nº 108 "Os Abrentes de Cerdedo"