Novas

Voando cas aas da Vida, dous exemplares con dedicatorias

06 de novembro de 2024

Na procura constante por tesouros culturais, ás veces temos a fortuna de atopar xoias que conectan o presente coa historia de Galicia. Este é o caso dos dous exemplares de Voando cas aas da vida, o libro de poemas do grande Avelino Cachafeiro, impreso en xuño de 1969 en Artes Gráficas de Faro de Vigo, S.A., e editado polo propio autor. Consta o seu depósito legal: VG-75-1969, o que subliña a súa importancia como peza rexistrada da literatura galega da época.

Estes libros, ambos asinados polo propio Cachafeiro, foron descubertos en dous anticuarios e adquiridos por Rubén Troitiño, cuxo compromiso por preservar o noso patrimonio cultural nos permite amosar estas pezas hoxe. Agora, os exemplares pertencen á colección particular de Rubén, onde se suman a outros documentos valiosos vinculados coa historia e tradicións galegas.

A beleza destes exemplares vai máis alá do texto: a portada, creada polo mestre Urbano Lugrís, e o prólogo asinado por Ramón Otero Pedrayo, fan desta obra un exemplo perfecto de confluencia entre arte literaria e visual.

As firmas orixinais de Avelino Cachafeiro, un gaiteiro e poeta emblemático, poderán ser contempladas neste museo virtual no apartado dedicado ao autor. Con esta adquisición, continuamos o noso traballo de preservación e difusión das Músicas da Terra de Montes, ofrecendo ao público acceso a testemuñas que narran a nosa historia cultural.