Novas

"O Recuncho da Lingua" de Radio Estrada homenaxe a Avelino Cachafeiro

12 de outubro de 2024

O vindeiro luns, 14 de outubro, ás 16:30h, o programa "O Recuncho da Lingua", emitido en Radio Estrada e dirixido pola mestra de Lingua Pilar Bernárdez, dedicará a súa edición a homenaxear a Avelino Cachafeiro, o coñecido Gaiteiro de Soutelo. 

Nesta ocasión, o espazo centrarase en destacar a figura e a traxectoria deste músico galego, coincidindo co centenario do seu nomeamento como o mellor gaiteiro de Galicia. Este recoñecemento tivo lugar no concurso celebrado na emblemática Praza da Quintana en Santiago de Compostela, un evento que marcou a historia da música tradicional galega.

"O Recuncho da Lingua" é un programa comprometido coa difusión da cultura popular e as tradicións de Galicia. A edición deste luns é unha oportunidade especial para afondar na vida e na obra de Avelino Cachafeiro, unha figura fundamental da gaita galega.

A audiencia poderá seguir o programa en directo a través das ondas de Radio Estrada a partir das 16:30h. Unha cita que non se pode perder para todos aqueles interesados en coñecer e valorar as raíces culturais galegas.