Novas
Os gaiteiros de Soutelo no Museo de Pontevedra
01 de xullo de 2024
O pasado xoves 27 de xuño ás 19:00h, tiven a oportunidade de dar unha charla no Museo de Pontevedra titulada "Redescubrindo aos Gaiteiros de Soutelo". Para comezar, o público escoitou a Roberto Cendón, Cristobal Pascual, Miguel González e a min mesmo interpretar tres pezas do repertorio dos Gaiteiros de Soutelo, utilizando os punteiros orixinais do cuarteto. Esta actuación en directo foi un momento especial que axudou a conectar coa música e a historia que estabamos redescubrindo.
A charla centrouse en Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo, coincidindo co centenario do seu nomeamento como mellor gaiteiro de Galicia en 1924. Utilicei unha variedade de materiais históricos, como revistas da época, discos de pizarra e algúns dos punteiros orixinais dos Gaiteiros de Soutelo, para dar vida á historia deste grupo tan significativo.
Un dos puntos máis importantes da presentación foi compartir fotografías inéditas e datos históricos novos. Estes materiais, moitos descoñecidos ata agora, axudaron a dar unha nova visión sobre a importancia do cuarteto na nosa música tradicional.
Estou moi agradecido ao Museo de Pontevedra e a Erea Castro por facilitar a realización da charla e por mostrar o debuxo de Avelino Cachafeiro feito por Castelao, unha peza de gran valor. Tamén agradezo á familia de Avelino Cachafeiro pola súa colaboración e por compartir materiais importantes para a investigación.
A charla contou coa presenza do Deputado Provincial de Cultura, Jorge Cubela, e da Deputada Provincial Belén Cachafeiro, que quixeron apoiar o evento.
En definitiva, foi unha tarde chea de lembranzas e aprendizaxes, un tributo a Avelino Cachafeiro e aos Gaiteiros de Soutelo. O proxecto "Músicas da Terra de Montes" segue traballando para preservar e difundir a riqueza musical da nosa comarca. Grazas a todos os que asistiron e fixeron desta unha experiencia tan especial.