Novas
A celebración do 75 cabodano de Castelao será diversa e estenderase por toda Galicia
20 de decembro de 2024
Rubén Troitiño será un dos protagonistas das actividades do 75 cabodano de Castelao, participando o 16 de xaneiro nunha xornada especial organizada polo Consello da Cultura Galega. Neste evento, abordará a conexión entre o gaiteiro de Soutelo e Castelao, dúas figuras clave da identidade cultural galega.
A continuación, reproducimos o texto publicado na web do Consello da Cultura Galega, onde se detallan todas as actividades previstas nesta ampla e diversa conmemoración.
A celebración do 75 cabodano de Castelao será diversa e estenderase por toda Galicia
San Domingos de Bonaval acolle o vindeiro 7 de xaneiro un acto cívico que abre a celebración da conmemoración do 75 cabodano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950). Diferentes representantes da comisión constituída o pasado 7 de novembro xuntáronse no Consello da Cultura Galega (CCG) este venres para presentar as primeiras accións de programación encamiñadas a poñer a atención sobre a vixencia e o legado da súa figura. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; xunto con representantes doutras entidades avanzaron as liñas de programación da celebración. Ademais, fixeron un chamamento á cidadanía da participar na celebración dunha personalidade irrepetible de tan alta transcendencia na historia contemporánea de Galicia.
Unha celebración conxunta, plural e diversa son as liñas de programación que están a programar institucións e entidades da sociedade civil para celebrar o seu legado artístico, político e social. “É unha excelente oportunidade para chamar a atención sobre aspectos da vida de Castelao menos coñecidos, ou sobre todo pola súa relación coa sociedade que o rodeou e os procesos de construción da memoria levados a cabo desde a súa morte” apuntou a presidenta do CCG na presentación. A presidenta do Padroado do Museo do Pobo, Concha Losada, insistiu na importancia da celebración conxunta para “todos e todas poidamos afondar na figura de Castelao porque non se pode querer e valorar o que non se coñece”. Asistiron tamén Iria Castro, do Museo Provincial de Lugo; Ángeles Tilve, do Museo de Pontevedra; Henrique Monteagudo, director da Cátedra Castelao en representación da Universidade de Santiago; María Dolores Candedo da Universidade da Coruña; Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia de Belas Artes; máis o alcalde de Rianxo, Julian Bustelo.
A programación arrinca co acto cívico que a Fundación Castelao celebra cada 7 de xaneiro, día en que Castelao finou en Bos Aires. Unha ofrenda floral, diferentes intervencións e un acto musical compoñen esta apertura. “Convocamos á cidadanía a que asista a celebrar esta efeméride tan destacada” anunciou Miguel Anxo Seixas, presidente da fundación Castelao. Unha idea na que tamén afondou Anxo Lorenzo, que avanzou que a xunta está a preparar varias accións dixitais arredor da figura homenaxeada. O acto no Panteón de Galegos Ilustres non será o único acto institucional, xa que o concello de Rianxo tamén celebrará a súa tradicional ofrenda (1 de febreiro) diante do busto de Castelao.
Fondos dixitais
A figura e obra de Castelao terá un protagonismo especial na rede. Alén do sitio web creado para centralizar a programación, que estará aberto a partir do 1 de xaneiro de 2025, os espazos web das diferentes entidades participantes reservarán un apartado específico para difundir fondos propios. O Consello da Cultura Galega, a través dos seus arquivos documentais, publicará cada mes do ano 2025 coleccións documentais que permitirán coñecer aspectos menos visibles da súa biografía, así como diferentes proxectos de conmemoración da súa figura e o seu destacado papel na construción da Galicia moderna. Ademais, en xaneiro arrincarán cun amplo especial que estará en permanente actualización. A RAG abrirá unha sección o seu web desde a que se que divulgarán os fondos bibliográficos, hemerográficos e fotográficos relacionados con Castelao que posúe. Tamén incluirán doce pezas destacadas comentadas por membros da RAG e doutras personalidades da cultura. Ademais, o Museo de Pontevedra permitirá explorar a colección propia que contén arredor da súa figura. Máis de 1.800 obras que nos achega principalmente á súa faceta como artista, que non se pode desvincular da condición de escritor e político galeguista. Ademais, no web pódense consultar roteiros por Pontevedra, Rianxo e a Habana, lugares destacados na biografía de Castelao.
Proxectos expositivos
Son numerosas as mostras que se sucederán en diferentes puntos do país e que xa comezaron a súa andaina. O Museo do Pobo acolle actualmente a exposición "75 cabodano da sinatura de As cruces de pedra na Galiza". Que permanecerá ata o 28 deste mes de decembro, desde onde se trasladará ao Museo de Lugo. Seguiralle "Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías", comisariado por Xosé Enrique Acuña que procede do Museo de Pontevedra e que logo continuará a súa itinerancia en Lugo. Precisamente o Museo de Pontevedra, que custodia unha parte importante do legado de Castelao, reforzará neste 2025 o programa de visitas guiadas na sala específica que o museo ten dedicado á súa memoria.
O Concello de Rianxo abrirá o venres 17 de xaneiro a exposición "Os Homes, por Castelao, na colección Roberto Taboada", que xa se puido ver no Barbanza no Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, situado en Ribeira. Tamén está en marcha a exposición itinerante "Castelao hoxe".
O Museo Provincial de Lugo abrirá en xaneiro o proxecto ”Castelao de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934 – 1944)” comisariado por Henrique Monteagudo Romero. En colaboración coa Cátedra Castelao da USC, Editorial Galaxia e Fundación Penzol.
Actos académicos
O Museo Provincial de Lugo celebrará en febreiro dous actos académicos. Dunha banda a conferencia: “Castelao e as cruces de pedra, os comezos da investigación científica sobre os cruceiros” (20 de febreiro ás 19:00 h) a cargo de Fernando Arribas Arias. Da outra, a xornada “II Xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego”. coordinada por Pilar García Negro e Aurelia Balseiro García con relatorios Francisco Rodríguez, Miguel Anxo Seixas, Iria-Friné Rivera, Mª Victoria Carballo Calero e Diana Vila Meis. (28 de febreiro)
O 16 deste mes de xaneiro, o Consello da Cultura Galega celebrará unha xornada aborda a conexión entre dúas figuras centrais na configuración da identidade cultural galega: o gaiteiro de Soutelo e Castelao, a cargo de Siro López e do investigador Rubén Troiño. No outono, organizará o simposio “Nos 75 anos da morte de Castelao: política, exilio e nación” coordinado por Luís Domínguez. A final de xuño tamén desenvolverá unha actividade en Bos Aires.
Do audiovisual ás artes escénicas
Son varios os proxectos creativos que, ben de nova creación, ben recuperados, parten da figura de Castelao. O Museo de Pontevedra acolle a proxección de “Castelao: de chumbo a verba” un documental ficcionado en que se mestura a época actual, os anos centrais da vida de Castelao e imaxes de arquivo para axudar a entender o seu pensamento e a súa dimensión cultural e política. Está dirixido por Miguel López con Miguel Pernas, Uxía Blanco e Iago Novoa no elenco.
No concello de Rianxo están programados no mes de xaneiro diferentes espectáculos que vinculan coa figura de Castelao. A "Merendola Desconcertante", por deBiselas Cuartet (sábado 18), que fusiona as músicas dun cuarteto de frautas con imaxes e textos de, entre outros, Castelao. Tamén desde Rianxo se presentará en breve unha serie de visitas teatralizadas así como un concerto e un concurso escolar. En Rianxo terá lugar unha nova edición de “No bico un cantar” proxecto do CCG e das consellerías de Educación e Cultura, no que un gran coro de nenos e nenas procedentes de toda Galicia cantará pezas de Castelao.
Outras actividades
No marco da presentación tamén se anunciou que a Cátedra Castelao que dirixe Henrique Monteagudo fará público o epistolario o epistolario que o intelectual mantivo con Rodolfo Prada. O presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, anunciou que se están a traballar en diferentes ámbitos no marco da declaración de Castelao como figura homenaxeada no Día das Artes Galegas.
Celebración conxunta
O pasado 7 de novembro tivo lugar no Consello da Cultura Galega a constitución dunha comisión que centralizase os actos de conmemoración do cabodano na que participa o Parlamento de Galicia, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, das catro deputacións, das tres universidades, da Real Academia Galega, da Real Academia Galega de Belas Artes, do Museo do Pobo, do Museo de Pontevedra, da Fundación Castelao e dos concellos de Pontevedra, Rianxo e Santiago de Compostela.