Novas

Avelino faise eterno

1 de setembro de 2024

Centos de persoas achegáronse onte a Soutelo, para celebrar o século da súa proclamación como Mellor Gaiteiro de Galicia

A Banda de Gaitas do Concello de Forcarei, na celebración de onte / // BERNABÉ/ LUCÍA ABELEDO

Forcarei vestiuse onte de gala con motivo da celebración da corenta e cinco edición da Festa do Gaiteiro en Soutelo de Montes, na que se conmemoraba, ademáis, o século transcorrido dende que Avelino Cachafeiro se fixera co título de Mellor Gaiteiro de Galicia. Na ceremonia de recordo á ilustre figura, interviron a concelleira soutelana, Ana Doval, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o forcaricense Rubén Troitiño.

A preogoeira da corenta e cinco edición da Festa do Gaiteiro, Rosario Álvarez / // BERNABÉ/ Lucía Abeledo

Actuación de Rubén Troitiño e Jesús Pérez Soto, no momento final do pregón / // BERNABÉ/ Lucía Abeledo

A xornada comezou ás 12.00 horas, co pasarúas a cargo da Banda de Gaitas do Concello, encargada de dar paso ao acto de lembranza. 

Nesta ocasión, a alcaldesa da vila, Verónica Pichel, quixo cederlle o momento da intervención á concelleira, Ana Doval, que deixará o cargo despois de 25 anos. Como agradecemento ao seu traballo e a todo o esforzo na organización desta festa, a rexidora, traspasoulle nesta edición o testigo a Doval que, durante a súa intervención destacou a figura de Avelino Cachafeiro e sinalou que: “como goberno, e como pobo, temos a obriga moral de protexer e transmitir o legado de Avelino para que a súa memoria permaneza”. Con todo, a concelleira quixo aproveitar o momento para destacar que: “é un orgullo formar parte do goberno local que recuperou a organización da Festa do Gaiteiro, continuando o traballo da asociación Can de San Roque”.

Asistentes ao acto conmemorativo, nun momento durante o pregón / // BERNABÉ/ Lucía Abeledo

Despois, foi o turno da lectura do pregón, que este ano estivo a cargo da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. A catedrática salientou a figura de Cachafeiro como transmisor da cultura e lingua galega, así como a lección que deixou en canto á confianza da experiencia do propio. 

No momento final da lectura, Álvarez, estivo acompañada por Rubén Troitiño, que interpretou a peza de Avelino: ‘Eicho de dar queridiña’, cun punteiro orixinal e con Jesús Pérez Soto ao tambor. De novo, e para rematar o acto coa ofrenda floral no monumento ao Gaiteiro, a Banda de Gaitas de Forcarei tocou o himno galego. 

A pesar do anuncio de posibilidade de chuvia, foron máis de 200 as persoas que se achegaron ata a vila e gozaron do tradicional xantar popular, na carballeira do parque Venezuela. A sobremesa estivo animada pola agrupación musical Mediarea, que comezou a tocar ás 17.00 horas. 

Sobre ás 19.00 horas, o mestre Xandre Outeiro ensinou a bailar, a todo o que quixera, a Muiñeira de Chantada.