José María Álvarez Sanmartín

José María Álvarez Sanmartín naceu en Presqueiras (Forcarei) o día 31 de agosto de 1950. A súa historia musical comezou no mesmo pobo que o viu nacer. José María viña dunha familia moi humilde, a súa avoa quería que fose zapateiro pero rematou cun instrumento ao lombo. A súa infancia foi con moi poucos luxos, seu pai quedara cego e a nai era a que levaba o peso familiar. Tiñan un salón de baile chamado O Paraíso de Presqueiras, ao cal viñan de Pontevedra a tocar para facer o baile. Aínda recorda algún dos nomes dos músicos que pasaron por ese salón, coma Randeiro, Xiraldo ou Simón. Foi entón cando decidiron metelo na música. A súa nai mandouno a Cerdedo, á escola do músico Gerardo Lavandeira. Estudou solfa con el, o método empregado era o Eslava. Os seus recordos desta época non son moi alegres, seica foi unha época moi dura xa que Gerardo, según verbas do propio José María, era unha persoa moi estricta e como el mesmo indicou "era como aprender latín".

Foi bastante tempo ata que se cansou. Seguiría indo a Cerdedo, pero nunca lle chegou a dicir á súa nai que deixara de ir ás clases, cando chegaba a Cerdedo paraba na do Roxo. Daquela aínda era un rapaz de tan só uns sete anos. Cando se enteraron disto decidiron envialo a Pontevedra, á academia de Segunda, que era a muller de Pepe Poceiro. Segundo indica José María, a mestra era moi boa, comprensiva e solidaria. Ao saber que dispoñían de poucos recursos, dáballe clases durante todo o día, mentres que ao resto do alumnado soamente unha ou dúas horas de clase. Neste lugar coñeceu a Avelino Alberte, da familia de Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo. A verdade é que garda un moi bo recordo del, fixeron moi boa amizade, aínda que despois as súas vidas colleron carreiros diferentes. Os dous paraban na mesma pousada de Pontevedra, na calle Charino. Avelino era máis vello ca el. Foron a clases durante unha tempada, pero chegou un momento no que os dous saían da pousada cos acordeóns, pero ían xogar ao billar. 

Deixaron de ir á academia de música ata que un día chegou o tío de Avelino, José Fírvida Cachafeiro, o Maduro, que viña de Venezuela para ver como ía o sobriño. Cando foi falar con Segunda díxolle que había dous meses que non ía por alí, nin el nin José María. Avelino deixou a academia e José María tamén, escusándose en que xa sabía todo o que tiña que aprender. A nai díxolle que se non ía ir máis tiña que marchar a traballar para Villablino a dar masa aos canteiros, con 10 anos. Pese a todo isto, o seu acordeón sempre o acompañou. 

Aos 14 anos marchou traballar para Andorra. Cando ía de camiño parouno a Guardia Civil e preguntáronlle onde ía, tivo sorte e puido seguir o camiño xa que levaba unha autorización firmada polo pai. Aos 16 marchou para Francia e aos 18 para Suíza. Pouco tardou en regresar para Galicia, xa que tivo que regresar a facer o servicio na Escuela Naval Militar. Estivo dous meses en Ferrol e despois viu para a Banda Militar de Marín. Foi aquí onde aprendeu  a tocar a gaita. Ademáis dese instrumento, tocou o tambor na Banda Militar.

Foi de ben noviño cando montou o grupo Nuevo Ritmo, tamén coñecido coma Os Terribles de Presqueiras, grupo formado por José María Álvarez Sanmartín (acordeón), o seu irmán Manolo Álvarez Sanmartín (batería), José Manuel Cortizo, máis coñecido coma Ino (guitarra) e Amancio Bértolo Arén (voz).

Tanto na súa etapa posterior en Pontevedra coma máis adiante en Madrid, estivo de músico en orquestras, pero foi en Suiza onde a súa labor como músico tivo maior percorrido tocando nas orquestas Plenitud e Os Principes e por último formando a orquesta Santa Bárbara, onde estivo en activo durante corenta anos.

Aínda que estivo toda a súa vida na emigración o seu pensamento sempre permaneceu en Galicia, sempre coa idea de voltar.

Cando se retirou, aos sesenta e cinco anos, volveu a tocar o acordeón, xa que nas orquestras estaba de teclista e saxofonista.

Por último, destacar a súa faceta como compositor, tendo cinco temas rexistrados na "Sociedad General de Autores y Editores" (SGAE) cos seguintes títulos:



Manuel Álvarez Sanmartín ao acordeón xunto a outros rapaces.

Manuel Álvarez Sanmartín (acordeón) e Manolo Álvarez Sanmartín (batería).

Manuel Álvarez Sanmartín (acordeón), Amancio Bértolo Arén (voz) e Manolo Álvarez Sanmartín (batería).

Manuel Álvarez Sanmartín (acordeón), Manolo Álvarez Sanmartín (batería) con dúas mozas.

José María Álvarez Sanmartín (acordeón), Manolo Álvarez Sanmartín (batería), José Manuel Cortizo, Ino (guitarra) e Amancio Bértolo Arén (voz).

José María Álvarez Sanmartín, o cuarto dende a esquerda.

Con Perlita de Huelva en Suiza.

Orquestra "Os Principes".

Orquestra "Plenitud".

José María Álvarez Sanmartín co saxofón.

Entrevista realizada por Rubén Troitiño o luns 10 de abril de 2023 na súa casa en Presqueiras, no antigo salón de baile. Tamén participaron Amancio Bértolo Arén e José Luis Troitiño Lavandeira.

Vídeos

Recoñecemento

Asociación de Amigos da Terra de Montes 

O 2 de outubro de 2021 entregáronse no Centro Cultural de Cerdedo as insignias de ouro a tres persoas da Terra de Montes, polas súas aportacións e preocupacións pola comarca e a súa xente, así como dun ramo de flores ás súas acompañantes. En orde de aparición nas imaxes: José Fortes Muradás (Beariz), José Mª Álvarez Sanmartín (Forcarei) e José Balseiros Guinarte (Cerdedo).

Agasallos que emocionan

O músico forcaricense José María Álvarez Sanmartín, acordeonista de Presqueiras, visitou recentemente o Concello de Forcarei para entregar a alcaldesa Verónica Pichel un agasallo moi especial. Trátase dunha composición musical, con letra e melodía, titulada ‘Terra de Montes. Loanza á emigración’.

A peza, que xa foi rexistrada  na Sociedad General de Autores, súmase a outras da súa creación, como ‘Xota de Forcarei’, Muiñeira do Portalén’, ‘Vals da Virxe do Castro’ ou ‘Muiñeira de Forcarei’.

'Loanza á emigración' xurdiu tras toda unha vida lonxe da súa terra. O propio Álvarez Sanmartín marchou con só 10 anos a traballar na construción en Villablino, aínda que antes xa lle dera tempo a aprender na banda La Bandeira de Cerdedo e a tocar o acordeón tamén con Poceiro en Pontevedra. Con 14 foi traballar a Andorra, con 16 a Francia e con 18 volveu a Galicia para facer a mili na Escola Naval Militar de Marín, onde entrou na banda de música. Posteriormente traballou en Madrid e despois trasladouse a Suíza, país no que formou familia e no que desenvolveu a súa faceta máis musical en conxuntos como Plenitud o Los Príncipes, ata que formou a Orquestra Santa Bárbara, coa que percorreu todo o país tocando con outras importantes orquestras e con artistas como Masiel ou Manolo Escobar, entre moitos outros artistas.

Xa xubilado, Jose María cumpriu o soño de volver a Forcarei, a “Presqueiras, o noso paraíso”, aínda que tamén pasa temporadas en Suíza e Cataluña coa familia.

Con ‘Loanza á emigración’ quere lembrar a todas as persoas que tiveron que marchar lonxe da súa casa e agradecer tamén a Asociación Amigos da Terra de Montes o seu traballo por manter viva a historia desta terra.

E a 'Xota de Forcarei', da que se sente moi orgulloso,  compúxoa a petición do Centro Galego de Xenebra.

Álvarez Sanmartín recibiu o pasado mes de outubro, de mans da alcaldesa de Forcarei Verónica Pichel, a insignia de ouro da Asociación de Amigos da Terra de Montes.

Fonte: Concello de Forcarei

Artigos relacionados