Manuel Cerdeira Rodríguez
Cerdeira O Vello
Manuel Cerdeira Rodríguez é recoñecido coma un dos músicos máis antigos dos que temos noticia que puidera ter algo que ver na formación da primeira Banda de Música de Cerdedo. Manuel nacera contra o 1830 na parroquia de San Cosmede de Cusanca, na zona nordeste do Concello do Irixo, xa moi preto de Dozón. No ano 1859 casara en Cerdedo con Francisca, unha das fillas de José Pérez e Josefa Sieiro, un humilde matrimonio de labradores da capital do concello, e coa que xa tivera un fillo de solteiro no ano 1857. O rapaz, bautizado coma Salvador Pérez, foi recoñecido por Manuel tralo casamento, outorgándolle así o dereito a levar o seu apelido: Salvador Cerdeira Pérez.
Manuel Cerdeira aprendera a tocar a gaita na súa terra natal co seu pai, Pedro, que tiña sona de bo gaiteiro nas terras do Irixo. Aínda que non o puidemos verificar, é probable estivesen emparentados con algún dos moitos músicos apelidados Cerdeira que existiron naquela bisbarra. De feito, en Feás, aldea do Concello de Boborás, que se atopa na estrada que une Brués con Beariz, existiu unha Banda de Música entre os anos 1871 e 1955, da que formaron parte Severino Cerdeira (baixo), José Cerdeira (clarinete) e Delfín Cerdeira (fliscorno). E na Banda de Parada de Laviote (Irixo), preto do alto do Paraño, que funcionou entre o 1939 e o 1949, tocou a caixa un tal Manuel Cerdeira, homónimo de quen nos ocupa. Pero o certo é que Cerdeira é un apelido bastante común nesa zona, e mesmo por terras do monte do Paraño, existen os lugares de Cerdeira de Arriba e Cerdeira de Abaixo na Parroquia de Regueiro (Concello do Irixo).
Xa aveciñado en Cerdedo, Manuel Cerdeira estendeu a súa fama de sobranceiro gaiteiro por toda a Terra de Montes, onde máis tarde sería coñecido polo alcume de Cerdeira O Vello. Tocaba a gaita en tódalas festas, cando aínda non había bandas, e chegou a artellar algo xunto cos músicos da banda primitiva de Cerdedo, aínda que ningunha das testemuñas que nos chegan daquelas datas confirman o feito de que Cerdeira tocase algún outro instrumento fóra da gaita. Acompañábano co bombo un de Bugarín e coa caixa un de Vilarchán (ámbalas dúas terras de moitos e bos gaiteiros e percusionistas), dos que non demos coñecido o nome. Xa con máis idade, e con moita menos troula no corpo, houbo un tempo no cal unha das súas netas, filla de Salvador, acompañábao ao redobrante e tamén cantaba.
Cóntase que, coma daquela había moitas pulgas nas casas Cerdeira tocaba a gaita para os picariños da vila que, coma enfeitizados, púñanse a seguilo. Así, coma o frautista do conto, Cerdeira O Vello levaba aos nenos ameigados coa súa tocadela gaiteira ata a súa casa, sita nun recuncho preto da Mina, en Cerdedo. Unha vez alí, os meniños ficaban coma paparotes mentres lle limpaban a casa das pulgas. Todo un auténtico gaiteiro feiticeiro, así o denomina Manuel Campos no seu libro As bandas de música de Cerdedo.
Outra historia que se conta de Manuel Cerdeira é que, despois de cobrar os seus honorarios coma gaiteiro, polo menos nunha ocasión fixo a xogada de agacharse para tirar pedras ao público asistente á romaría para, dese xeito, desencadear unha pelexa que rachase coa festa. O acontecemento tivo lugar nas festas de Millerada. Contan que aquel día, Manuel levaba xa demasiadas horas toca que toca e non vía a hora rematar, xa que a xente non tiña a máis mínima intención de deixalo marchar. Así que Manuel non fixo máis que botar man dunha práctica que daquela tiñan moitas bandas, charangas ou grupos de gaiteiros cando as cousas se puñan tan difíciles e o público excesivamente esixente. O que non sabemos é cantas veces tivo que chegar a tales extremos, pero parece ser que as bandas de Cerdedo, que teñamos constancia, nunca tiveron que recorrer a semellantes argalladas.
Canteiros e artistas da Terra de Montes e ribeiras do Lérez
ESTA INFORMACIÓN PODE TER ERROS
Autor: Antonio Rodríguez Fraíz
Imprime: Gráficas Portela S. L. – Loureiro Crespo, 57 – Pontevedra
ISBN: 84-300-8284-0
Depósito Legal: PO. 319-82
Montaxe portada: Antonio Míguez Montes
Comisión de Cultura da Excma. Deputación de Pontevedra e Concellos de Cerdedo e Forcarei
Salvador Cerdeira Pérez
Gaiteiro, nado en Cerdedo a meiados do século XIX, fillo de Manoel e Francisca.
Foi un dos millores gaiteiros de todos os tempos da Terra de Montes, somentes acadado polo fillo Francisco. Home bó, sempre ledizoso aledóu todas as festas, casamentos e ruadas coa súa música enxebre e donosa case que meio século; sendo moi querido en todas as freguesías de Montes, Cotobade, Campo-Lameiro…