José Cadavid Nieto
Dende a casa dos Cachafeiros saíron dous irmáns músicos que comezaron a súa carreira na academia de Cerdeira. Trátase de José Cadavid Nieto e Camilo Herminio Cadavid Nieto, fillos do músico Herminio Cadavid Cachafeiro e Avelina Nieto Cadavid. A súa nai falecera cando eles eran pequenos e, como o seu pai emigrara a Arxentina, foron criados na casa da súa tía Josefa e da súa curmá Felicitas Fortes.
O maior dos irmáns, José Cadavid Nieto, nado en Cerdedo o 7 de novembro de 1917, aprendeu a tocar o trombón na academia de Francisco Cerdeira Gil, o mesmo instrumento que o seu amigo e compañeiro de quinta, Manuel Vidal O Meleque. José tamén formou parte da Banda de Cerdedo baixo a dirección de José Benito García Fernández, ata que emigrou xunto co seu pai a Sudamérica. Cando José abandonou a música, o seu trombón foi adquirido por Enrique Monteagudo, un dos fillos músicos de Touqueira. É posible observar fotografías deste instrumento, que actualmente é propiedade de José Manuel Varela Iglesias.