Francisco González Caramés
Majito

Francisco González Caramés, máis coñecido coma Majito, naceu en Cerdedo o 24 de outubro de 1901 e finou o 18 de xullo de 1992. Frautista na banda de música de Cerdedo baixo a dirección de Cerdeira e gaiteiro.

Atopamos unha nota de prensa en El pueblo gallego do 14 de xullo de 1926 onde aparece nomeado Majito:

CERDEDO

San Benito.-Con un día hermoso de sol se celebró en Pardesoa, esta tradicional romería, reinando entre los romeros que concurrieron a millares desde lejanos sitios con sus meriendas, cordial camaradería. La nota simpática, estuvo en un grupo de romeros entre los que se destacaban bellas "rapazas" y animados mozos que al son de la gaita el simpático "Majito" dieron color típico y alegrero de romería.

Al caer la tarde empezó el defile sin el menor contratiempo, yendo muchos de ellos en Folgoso en donde se celebraba también la misma festividad.

Se bailó e hizo buen consumo del refrescante líquido que preparaba en "La Barxa" - no es reclamo - y luego satisfechos hicieron el regreso as sus respectivos lares.

Francisco González Caramés, "Majito"

Francisco González Caramés, "Majito"

De esquerda a dereita: Antonio Vidal, Manuel Corzo (o "Pedreiro), Gervasio Bugallo e Francisco González ("Majito") - (1924 - Asturias)

De esquerda a dereita: Antonio Vidal, Manuel García Beiro, Francisco González ("Majito") e Manuel Corzo (o "Pedreiro") - Fotografía cedida por Félix González Gamallo

Gaita conservada na actualidade

Festas do Ecce-Homo en Cerdedo, no ano 1954. Nesta ocasión podemos ver a Francisco González Caramés "Majito" no bombo, Avelino Cachafeiro e Virgilio (da coral de Ruada) ás gaitas e Ramón Cachafeiro ao tambor. Fotografía cedida por Félix González Gamallo.

A gaita que deixou de soar ó rematar a Guerra Civil

Por Paco González Sarria.

Meu avó paterno, Francisco González Caramés; tamén coñecido polo alcume de Majito; naceu co século XX.

Difícil coñecer a día de hoxe como espertou nel o gusto pola gaita xa que non queda quen poda explicalo, pero imaxino que sería polo gusto que Cerdedo; seu pobo; tiña pola música (chegou a haber alí ata 3 bandas, segundo conta meu pai), e tamén por que tocar un instrumento podía reportar, ademáis de diversión, uns ingresos extra.

Ninguén  sabe decirme onde foi mercada; anque o lóxico é que fose en Pontevedra; e na familia son coñecidas unhas poucas anécdotas relacionadas con este instrumento que ainda conseva unha das suas netas.

As imaxes que acompañan estas lembranzas dan unha idea da afección musical, do compañeirismo de aquela mocidade e das gañas de vivir as festas e tradicións.

Para comezar habería que contar que todos eles compartían cuadrilla no traballo, ademáis de interese musical no tempo de lecer.

De Cerdedo, con antecedentes familiares na construcción no século XIX, e doutros puntos da Terra de Montes, marcharon a Asturias, Navarra ou Aragón a construir estradas, trazados de ferrocarril e mesmo frontóns. Era un grupo compacto e na formación estaban, ademáis de Antonio Vidal, Manuel García Beiro e Manuel Corzo, o padriño do meu pai, Gervasio Bugallo.

É precisamente en Asturias onde Francisco recibe o alcume de Majito, pero pouco sabemos de si alí fixeron sonar gaitas, caixas e bombos, pese a que algunha das imaxes formando con instrumentos correspóndense con aquela época.

Unha das poucas anécdotas coñecidas na familia sobre as aventuras musicais do avó Francisco ten lugar nos anos 20 nun lugar impreciso do Pirineo, onde este grupo traballaba na construcción dunha estrada. Os domingos eran días de descanso e un deles decidiron cruzar a fronteira a Francia por que non era ben visto que andiveran de troula do lado español.  Chegando ó primeiro pobo galo fixeron soar muiñeiras e alboradas (imaxinamos). O grupo foi recibido con alegría e sorpresa polos veciños, pero non tardou en personarse a xendarmería que os multou e mesmo din que encarcerou por unhas horas, por enturbiar a tranquilidade de aquelas xentes ás que foran a alegrar o día.

A penúltima vez da que hai constancia, e neste caso testemuños (meu pai entre eles),  foi en 1939. Francisco xa era pai de familia, tiña 37 anos e levaba tempo sen coller a gaita, pero as suas sobriñas sabían do seu pasado musical. Foi o día no que en Cerdedo coñeceron o remate da Guerra Civil e lle pediron en casa, nunha reunión de celebración, que collera a gaita e tocara. Unha gaita que levaba xa anos sen usar, así que Emila e Carolina tiveron que insistir. O fol, de vexiga de porco, estaba seco, xa que logo houbo que humedecelo primeiro con leite. Din que foi unha festa, e anque na familia quedara como a última vez que o avó fixo sonar esa gaita, o certo é que a raíz do éxito, ainda lle pediron nun fin de ano posterior que repetira concerto aproveitando que tamén andaba por alí Manolo do Segundo, con un acordeón arxentino.

Majito vivíu ata o 1992, pero pasou casi 50 anos sen facela soar, por máis que nas citas familiares, a sua descendencia cantara e bailara de xeito coral.

As bandas de música de Cerdedo
Manuel Campos Tomil

*Texto: As bandas de música de Cerdedo (Autor: Manuel Campos Toimil)

Francisco González Caramés, “Majito”, forma parte tamén da numerosísima quinta de músicos cerdedenses que naceron co cambio de século, máis exactamente o día 24 de outubro de 1901. No eido da música Francisco foi, por riba de todo, gaiteiro. Con Cerdeira aprendeu o solfexo e a tocar a frauta, instrumento co que se incorporou á banda do mestre ata que, antes de cumprir os 20 anos, marchou traballar a Asturias. O músico Xervasio Bugallo, que daquela marchou canda el, lembraba así eses tempos: “Estivemos en Asturias. Eramos chavales, inda non teriamos 20 anos. Majito levara a gaita para alá e a tíñaa colgada na habitación. Tocaba para os bailes e facíao moi ben.” 

“Majito” traballaría moitos anos en Quereño (Ourense) nas obras do tren Ourense‐Zamora, onde foi quen de levar canda el a moitos cerdedenses a traballar, entre eles moitos compañeiros músicos das bandas cerdedenses.

[...]

Artigos relacionados