Blog

No campanario da igrexa de Cerdedo

28 de xullo de 2024

O domingo 28 de xullo tiven o pracer de visitar o lugar de Cerdedo, onde se celebraban as festas parroquais en honor ao Divino Ecce-Homo e á Virxe das Dores. O domingo foi un día especialmente dedicado ao Ecce-Homo, unha xornada que sempre esperta gran entusiasmo e devoción entre os veciños e visitantes.

Esta vez, a miña visita a Cerdedo foi aínda máis especial, pois tiven a sorte de poder subir ao campanario da igrexa parroquial, a Igrexa de San Xoán Bautista. Desde alí, puiden presenciar de primeira man o fascinante son das campás durante a procesión. A igrexa conta cun impresionante campanario de dúas torres que alberga un total de cinco campás.

Como é tradición, a procesión destas festas percorre sempre a Nacional 541. Os sábados diríxese cara a Pontevedra, pero os domingos, como foi o caso deste, a procesión segue en dirección a Ourense. Este domingo, a procesión foi acompañada pola Banda de Música de Cerdedo, baixo a batuta do mestre José Luis Loureiro, que coa súa música encheu o aire de emoción e solemnidade.

Desde o alto do campanario, tiven unha perspectiva única da procesión. Era unha vista espectacular ver a multitude de fieis acompañando as imaxes relixiosas ao longo da estrada.

Entre os presentes no campanario estaba Juan Troitiño Tarín, discípulo do recoñecido campaneiro Elisardo Nieto González. A súa presenza engadiu un toque de historia e tradición ao evento, recordando a importancia da transmisión de coñecementos e habilidades a través das xeracións. Comparto unhas fotografías dese día, coas que espero transmitir parte da beleza e a emotividade vividas.