Rosa Troitiño Novoa
Rosa do Gaiteiro

Rosa Troitiño Novoa, coñecida como Rosa do Gaiteiro; naceu no ano 1930 na aldea da Ermida, na parroquia de Lebozán, concello de Beariz. Pasou a toda a súa vida nesta aldea, onde desde pequena aprendeu as tarefas do campo e a arte de tecer carapuchos e corozas, que logo vendería nas feiras da contorna. Tamén cursou os estudos primarios na Escola da Ermida.

Aprendeu a tocar a pandeireta e a cantar grazas á transmisión oral das mulleres maiores da aldea. Formaba un dúo especial coa súa irmá María, sendo coñecidas como as fillas do ferreiro, alcume herdado da profesión do seu pai. A súa paixón pola música manifestábase en diversos contextos: nas ruadas invernais da aldea, nas festas locais e familiares, e mesmo durante os labores do campo, onde as cantigas axudaban a facer máis liviáns os traballos comunitarios.

Co paso dos anos, Rosa casou con Manuel Lorenzo, da Ermida, coñecido como O Gaiteiro (aínda que non tocaba a gaita, senón que ese era o alcume da súa casa). Xuntos tiveron unha filla, Rosa.

A vida de Rosa estivo marcada por momentos difíciles. Quedou viúva e, máis tarde, perdeu tamén a súa única filla e o xenro. A pesar destas traxedias, mantivo sempre un espírito alegre e optimista. Aínda que os seus netos emigraron, ela mantivo fortes lazos coa súa familia extensa e cos veciños que a visitaban regularmente. En especial, na Residencia de Maiores de Beariz, onde se trasladou nos seus últimos anos, Rosa seguía cantando e tocando a pandeireta. Sempre lles cantaba aos seus sobriños e veciños, e dicía que o cantar dáballe  vida.

Tiña moita imaxinación para contar cousas e anécdotas, o que lle permitía adornar os acontecementos cotiáns e compartir historias cheas de cor e vida.

Rosa faleceu o 28 de decembro de 2024. Moitos expresaron  aquel día que ela foi "a alegría da Residencia", destacando o seu entusiasmo pola música e pola vida até o último día.

---

Fonte da información:

Esta biografía foi elaborada a partir dos datos proporcionados polo seu sobriño , Francisco Vázquez Troitiño, coñecido como Paco Troitiño do Sidro da Ermida de Cascofés.

María e Rosa:  "As fillas do Ferreiro da Ermida " na década dos 80 nunha celebración familiar.

Rosa co seu sobriño Paco do Sidro na Residencia de Beariz - 2022

Celebración do 94º cumpleanos cos familiares e amigos na residencia de Beariz - 2024

Artigos relacionados